As propostas levaranse a cabo durante o mes de agosto e incluirán xornadas de observación, unha charla do divulgador científico Jorge Mira e a inauguración dunha exposición fotográfica. O mércores, 12 de agosto, habilitarase un punto de observación da eclipse no Faro Roncudo, un “punto de observación ideal para ver este fenómeno”, tal e como o cualifica o alcalde, José Manuel Mato.
Galicia, en xeral, e Ponteceso, en particular, vivirán o mércores, 12 de agosto, un acontecemento astronómico excepcional: unha eclipse solar total. Un fito que o Concello empregará como fío condutor dunha completa programación de actividades que se desenvolverá ao longo do mes de agosto.
A programación, impulsada pola Concellería de Cultura, inclúe diferentes propostas de carácter divulgativo e cultural co obxectivo de achegar este fenómeno á veciñanza e ás numerosas persoas que visitarán o municipio durante esas datas. A concelleira de Cultura, Raquel Fondo, destacou que se quixo “aproveitar un acontecemento tan excepcional para deseñar unha programación que vaia máis alá do propio día da eclipse, combinando a divulgación científica, a observación e a cultura e facendo partícipe a toda a veciñanza”.
Pola súa banda, o alcalde, José Manuel Mato, destacou que o municipio conta cun dos mellores emprazamentos para seguir este acontecemento: “O Faro Roncudo é un punto de observación ideal para ver este fenómeno e, por iso, quixemos dar un paso máis e ofrecer unha programación pensada para que poidan desfrutala tanto a veciñanza como os centos de persoas que nos visitarán durante esas datas”, sinalou.
O calendario de iniciativas arrincará o luns, 10 de agosto, cunha xornada guiada de observación solar con telescopio e prismáticos no Faro Roncudo, que se desenvolverá entre as 19.30 e as 20.30 horas.
Ao día seguinte, martes 11 de agosto, o Museo de Corme acollerá, de 12.00 a 13.00 horas, unha charla sobre a eclipse a cargo do físico, científico e divulgador Jorge Mira.
O propio día da eclipse, mércores 12 de agosto, a partir das 19.00 horas, habilitarase un punto de observación no Faro Roncudo. Prevese que o fenómeno teña unha duración aproximada de dúas horas e que o momento de máximo esplendor se produza ás 20.28 horas.
Co fin de garantir unha observación segura, o Concello repartirá gratuitamente gafas homologadas para a observación solar. As persoas interesadas poderán reservalas na Casa do Concello ata esgotar existencias.
O programa completarase ao día seguinte, xoves 13 de agosto, coa inauguración dunha mostra fotográfica do fotógrafo Drew Korme no Museo de Corme. A exposición abrirá ao público ese mesmo día e poderá visitarse nas instalacións do museo ata o 30 de agosto.
Desde a Concellería de Cultura animan á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nas diferentes propostas e a desfrutar en Ponteceso dun acontecemento astronómico excepcional a través dunha programación que une ciencia, divulgación e cultura.
O alcalde, José Manuel Mato, agradece a colaboración da Consellería de Medio Rural, "esencial para previr situacións como as que vivimos hai un ano".
O Concello e a Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia continúan sumando esforzos en materia de loita contra os incendios. Así o confirma o alcalde, José Manuel Mato, que apunta que nas próximas semanas se concluirá a instalación de 11 puntos de auga distribuídos por diferentes zonas do municipio, unha actuación que permitirá mellorar a capacidade de resposta dos servizos de emerxencia. O rexedor agradece a "enorme colaboración da Consellería, esencial para previr situacións como as que vivimos hai un ano no municipio".
A actuación supón, ademais, unha ampliación significativa do proxecto inicial. Nun primeiro momento estaba prevista a execución de sete puntos de auga, pero finalmente serán 11 as infraestruturas que conformarán esta rede estratéxica de abastecemento.
A localización de cada un destes puntos responde a un estudo técnico previo co obxectivo de garantir a súa máxima eficacia. Para a súa implantación tivéronse en conta aspectos como a existencia de caudal suficiente para asegurar tanto o abastecemento habitual como a dispoñibilidade de auga en situacións de emerxencia. Do mesmo xeito, seleccionáronse espazos que facilitan o acceso, estacionamento e manobra dos vehículos de extinción.
Dos once puntos, tres están situados en Corme e Corme Aldea: un en dirección O Cairo, outro na pista que conecta coa Ermida e o terceiro para dar servizo ás zonas de Froxán, Guxín e Gondomil. En canto aos demais, hai un en cada unha das seguintes parroquias: Brantuas, Cospindo, Graña, Cores, Pazos, Langueirón, Tella (no polígono industrial) e Anllóns.