O goberno local continúa dando pasos firmes no seu compromiso coa posta en valor do núcleo costeiro. Trátase dun compromiso que acaba de referendarse co remate das obras de restauración do faro do Roncudo, unha actuación impulsada pola Autoridade Portuaria da Coruña tras a petición trasladada polo alcalde, José Manuel Mato. O rexedor subliñou a importancia desta actuación, coa que se "recupera e pon en valor un dos espazos máis emblemáticos do municipio, mellorando a súa accesibilidade e seguridade sen renunciar á protección do extraordinario patrimonio paisaxístico e medioambiental que o rodea".
O primeiro edil quixo trasladar o seu agradecemento á Autoridade Portuaria da Coruña pola súa implicación no proxecto, particularmente, ao seu presidente, Martín Fernández Prado, e a todo o persoal técnico da entidade "pola súa disposición, colaboración e o interese demostrado para facer realidade unha actuación moi demandada pola veciñanza". Do mesmo xeito, recoñeceu o compromiso da Asociación de Veciños Eduardo Pondal de Corme e do presidente da entidade, Antón Vidal Saleta, destacando que "quedou demostrado que a colaboración entre as administracións e o tecido asociativo é clave para facer realidade proxectos que repercuten directamente no benestar da cidadanía".
A actuación desenvolveuse baixo unha premisa clara: o respecto pola contorna natural. Con ese obxectivo, executouse a mellora estrutural da baliza e acondicionouse todo o espazo que a rodea para facelo máis accesible e seguro, mantendo intactos os seus valores ambientais e paisaxísticos. Os traballos permitiron crear novos accesos peonís, habilitar varios miradoiros, acondicionar unha área de aparcadoiro para visitantes e crear a nova Zona Percebeiro, un espazo para favorecer o desfrute dunha das paisaxes máis singulares da provincia. Ademais, levouse a cabo o traslado da estatua do percebeiro, "un elemento de enorme valor simbólico que reforza a identidade mariñeira de Corme e a súa estreita vinculación co mar", sinalou José Manuel Mato.
A intervención representa un novo avance na estratexia do equipo de goberno para impulsar a conservación do patrimonio e potenciar o atractivo turístico do municipio. Esta non será a única actuación que se desenvolverá neste espazo, senón que haberá unha segunda fase para seguir avanzando na posta en valor dunha contorna que atrae, ano tras ano, a miles de visitantes.