Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

A PRAIA DE NIÑÓNS CONTA DENDE HOXE CUNHA NOVA ZONA DE SOMBRA

O Concello de Ponteceso continúa coa súa política de mellora constante dos areais do municipio, tratando de facer deles uns espazos accesibles e cómodos para toda a poboación. Nesta liña, o goberno municipal vén de completar unha nova actuación na praia de Niñóns pensada precisamente para mellorar o benestar das persoas maiores e con algún tipo de discapacidade.

A actuación, executada con fondos municipais, consistiu na instalación dunha zona de sombra de madeira tratada e especialmente pensada para aquelas persoas con mobilidade reducida ou de idade avanzada poidan gozar dun espazo protexido do sol dentro do propio areal. Deste xeito, evítase que teñan que portar -especialmente as persoas con mobilidade reducida ou as súas familias- aparellos como parasoles para protexerse da radiación.

O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, destacou esta medida como “moi beneficiosa” para estes colectivos, “que sempre son unha prioridade para este goberno, como dixemos dende o principio do mandato e como estamos a demostrar con iniciativas máis alá desta. Algúns exemplos son a consecución dunha nova Casa do Maior ou que o 30% das persoas traballadoras do servizo de limpeza municipal pertenzan a colectivos en risco de exclusión social ou teñan algunha discapacidade”.

Abundou Mato en que “mellorar as praias é outro dos obxectivos que nos fixamos cando chegamos ao Concello, e estámolo a conseguir. Recentemente celebrouse aquí, na praia de Balarés, a entrega das Bandeiras Azuis, onde conseguimos tres distincións. Xa o dixen aquel día, estamos moi contentos polo traballo feito, pero iso non quere dicir que nos conformemos. Aspiramos a que ese cuarto selo de máxima calidade ondee o verán que vén tamén na praia de Niñóns, e esta recente actuación ten ese obxectivo, ademais de, por suposto, mellorar a vida da nosa veciñanza e dos milleiros de persoas que nos escollen cada verán para gozar dos nosos areais”.

Concello de Ponteceso