Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

PONTECESO DESPEDIRÁ ESTA FIN DE SEMANA A SÚA CAMPAÑA DE COMERCIO CON TREN TURÍSTICO, INCHABLES, ACTUACIÓNS MUSICAIS E UN GRAN SORTEO

Ponteceso despedirá, esta fin de semana, a súa campaña de comercio. Farao cunha completa programación que incluirá tren turístico, inchables, animación infantil, polbeira, actuacións musicais e un gran sorteo de premios. O alcalde, José Manuel Mato, anima á veciñanza a sumarse á iniciativa “para poñer o peche a un programa co que buscabamos estimular o consumo no tecido comercial do municipio”.

O calendario de propostas arrincará mañá, sábado 7 de xuño, co inicio das saídas do tren turístico, que fará paradas no Relleno, Cruce, Campo da Feira, Casa da Cultura e Pesqueira. As expedicións serán de 11.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 20.30 horas. Ese día, a música será outro dos pratos fortes, con pasacalles e gaitas en horario de mañá e con actuacións de Tren da 1 (13.30 a 16.30 horas) e a disco móbil Impacto (de 20.30 a 23.30 horas) no Relleno. As actividades completaranse con inchables e animación infantil para os nenos e nenas, dispoñibles entre as 16.00 e as 19.00 horas e con polbeira (aberta de 14.00 a 16.00 horas).


Peche da actividade

Ponteceso despedirá ás Fadas de Pondal o domingo, día 8, con novos traxectos do tren turístico (de 11.00 a 14.00 horas), inchables e animación infantil (11.00 a 14.00 horas), polbeira (de 14.00 a 16.00 horas) e música. Nesta ocasión, ademais dos pasacalles e grupos de gaitas, a xornada estará amenizada pola música do Grupo Elbe 2.0 (de 13.30 a 16.30 horas). O acto de peche terá lugar no Relleno ás 16.30 horas, cando se levará a cabo o sorteo de premios. En total, outorgaranse 32 galardóns: un lingote de ouro valorado nuns 1.500 euros, un premio de 1.500 euros para gastar nun só día a elixir polo premiado (entre o 9 e o 15 de xuño) e outros 30 de 150 euros que deberán consumirse entre o 9 de xuño e o 9 de xullo (ambos incluídos).


Concello de Ponteceso