O Concello de Ponteceso abriu este mércores, 4 de setembro, o prazo de inscrición para participar no programa municipal de madrugadores e conciliación familiar ‘Ponte-Cedo’.
Este programa é un proxecto educativo de atención á infancia e ás familias que se enmarca nas liñas de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar.
O servizo realízase a través da ampliación do horario de apertura das instalacións do CEIP Eduardo Pondal, dende as 07:15 ás 09:15 horas, ofrecendo un servizo de acollida, coidado e vixilancia. Vai dirixido a familias con menores escolarizados no CEIP Eduardo Pondal que estean a realizar o segundo ciclo de educación infantil ou educación primaria.
O prazo de presentación será de 5 días naturais, ata o 9 de setembro, debendo realizar a inscrición na actividade mediante os formularios establecidos ao efecto, nas dependencias municipais.
Conta cun número total de 24 prazas, que serán adxudicadas de forma directa se non se non se completa o límite, e no caso de superar o número máximo, a selección farase en base ao cumprimento de requisitos.
Unha vez publicada a lista de admitidos, concederase un prazo de 2 días naturais para emendar a falta de documentación e presentar alegacións.
Descargas asociadas