O Concello de Ponteceso, no seu obxectivo de coidar o medio ambiente, impulsa un programa de compostaxe doméstica entre a veciñanza do municipio. Esta técnica pretende que os residuos orgánicos, que compoñen preto do 50% das nosas bolsas, queden na propia terra.
Esta iniciativa busca reducir pegada de carbono. Ademais, deste xeito, o Concello xera un mecanismo de aforro, xa que se anticipa aos custos que haberá que contraer nun futuro non demasiado afastado polos diferentes tipos de residuos que se manden ao vertedoiro.
Por iso, o Concello facilita a todas aquelas persoas que teñan un terreo e estean interesadas en participar deste programa tanto formación como o material, en forma de composteiros e aireadores de uso doméstico. É dicir, todo o necesario para autoxestionar os seus residuos orgánicos mediante esta forma de reciclaxe.
Así, ademais de coidar o medio ambiente, os e as participantes obterán como resultado un excelente abono para as súas terras.
Para beneficiarse da iniciativa, as persoas interesadas tan só deberán anotarse no Concello. Poden facelo de xeito presencial a través da páxina web:
https://ponteceso.rsu.gal Unha vez completado o rexistro, organizarase unha xornada formativa na que se fará entrega de todo o material necesario para comezar coa compostaxe. Ademais, recibirán asesoramento e seguimento durante todo o 2024.
Aqueles e aquelas que queiran recibir máis información sobre este programa, poderán facelo a través do teléfono 647521464 ou do enderezo electrónico residuos@ponteceso.net.
OBRADOIROS NAS ESCOLAS
Nesta liña de concienciación sobre o coidado do medio ambiente, o Concello de Ponteceso non quixo esquecerse das novas xeracións, polo que a semana pasada celebrou un obradoiro sobre compostaxe nos CEIP Eduardo Pondal e As Forcadas.
Nel, tanto alumnado como profesorado tiveron a oportunidade de aprender técnicas para ser máis respectuosos coa contorna e como tratar de mellor maneira todos aqueles residuos orgánicos que xeramos no día a día.