A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, animou hoxe aos veciños e veciñas de Ponteceso a aproveitar a oportunidade de mellorar a súa formación que lles brindan o Goberno e o Concello co amplo programa de formación que ofrece a aula Mentor. A subdelegada participou no acto de presentación do programa, que tivo lugar na Biblioteca Municipal, acompañada polo alcalde, Lois García Carballido e pola concelleria de Servizos Sociais e tenente alcalde, Noelia Varela. María Rivas felicitou ao rexedor pola súa iniciativa, que permite ao Concello de Ponteceso sumarse a un programa de formación en liña non regrada para persoas adultas do Ministerio de Educación e Formación Profesional. María Rivas lembrou o programa Aula Mentor leva anos funcionando de forma exitosa en distintos municipios da provincia e expresou a súa confianza en que tamén os veciños e veciñas de Ponteceso sacarán proveito desta oportunidade.
Durante a presentación, María Rivas destacou que, con Aula Mentor, o Ministerio de Educación impulsa a aprendizaxe aberta, libre e a distancia accesible para a poboación ao longo de toda a vida, en colaboración co Concello. A aula Mentor, situada na Biblioteca municipal de Ponteceso, está destinada a maiores de 18 anos e conta cun catálogo de máis de 170 cursos clasificados por áreas formativas cos que ampliar as competencias persoais e profesionais.
O Ministerio de Educación convoca cada ano axudas a entidades locais destinadas ao mantemento das aulas. O Concello de Ponteceso incorpórase este ano a rede de aulas Mentor, grazas á firma dun convenio de colaboración. Ao sumarse a esta iniciativa que funciona en toda España, os veciños e veciñas de Ponteceso poden acceder a formación en liña, tanto desde o seu domicilio como nos computadores que pon á súa disposición o Concello na Biblioteca municipal.
A través da aula Mentor pódese obter formación en áreas como informática e internet, ofimática, deseño e autoedición, deseño web, medios audiovisuais, redes e equipos informáticos, instalación e control, programación, educación, emprendedores, saúde, entre outras.
Os cursos teñen validez oficial e unha vez superados obtense un certificado de aproveitamento emitido polo Ministerio de Educación e Formación Profesional. A duración dos cursos depende do tempo que lle dedique cada estudante, xa que se trata dunha formación a distancia e flexible.
O prazo de matrícula está aberto todo o ano, salvo o mes de agosto, excepto os cursos Cisco e os de Formación do Profesorado, para os que hai datas concretas. Os veciños e veciñas de Ponteceso xa poden matricularse nos cursos do seu interese.
Ademais, María Rivas visitou as novas instalacións da sala "PONTEENFORMA2023" e a nova oficina Oficinas Acelera Pyme do Parque Empresarial de Tella.
O alcalde de Ponteceso, Xosé Lois García Carballido, aproveitou a visita da subdelegada do goberno en Galicia, María Rivas, á inauguración da aula mentor de Ponteceso, para manter unha reunión na oficina Acelera Pime da Deputación da Coruña, no Parque Empresarial de Tella.
Na reunión abordouse a solicitude do Concello de Ponteceso da ampliación do Polígono Empresarial de Tella en 200.000 metros cadrados, que o Concello de Ponteceso está tratando con Sepes, Ministerio de Fomento, en Madrid. O rexedor tamén quixo agradecer o goberno de España a achega do 80% dos 480.000€ que o Estado inviste na oficina Acelera Pime de Ponteceso nun convenio de dous anos. A delegada, María Rivas, insistiu nas vantaxes que teñen convocatorias como o Kit Dixital apto para todas as empresas, pemes e autónomos de Bergantiños. A delegada rematou a súa parada en Pazos onde puido conversar con empresarios da hostalería e da venta de materiais de construción e interesouse por polo dinamismo de Pazos como motor empresarial de Ponteceso.