A presentación oficial da obra será o vindeiro 3 de decembro no Museo de Arte Contemporánea
O Concello de Ponteceso e a Deputación da Coruña farán chegar a biografía sobre o almirante Mourelle a todas as bibliotecas públicas e colexios públicos da Costa da Morte.
Amancio Landín escribira a historia deste cormelán, pero esa biografía non tiña versión en galego e estaba descatalogada. Nun fermoso exemplar que acaba de publicarse grazas á colaboración entre a Asociación Insua de Viastela de Corme, o Concello de Ponteceso e a Deputación da Coruña, poderemos disfrutar por vez primeira da versión en galego e do orixinal do seus diarios nos centros educativos e bibliotecas públicas que como dixo o Alcalde "aí é onde teñen que estar os libros, a disposición de todas e todos porque é unha edición moi limitada".
A presentación oficial do libro vai ser o 3 de decembro no Museo de Arte Contemporánea de Corme, pero nada máis recibilo o Concello de Ponteceso púxose en contacto cos centros educativos da Costa da Morte para facerlle chegar un dos exemplares.
Hoxe, o alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido reuniuse coa directora, Teresa Abelenda, e coa coordinadora de bibliotecas, Silvia Cándida Exposito, do IES Eduardo Pondal de Ponteceso, co director do CEIP As Forcadas (Corme), Manuel Caridad e co director do CEIP Eduardo Pondal, José Manuel Villar, para entregarlle os exemplares e que os poñan á disposición das alumnas e alumnos nas bibliotecas dos centros para que poidan coñecer de preto as fazañas do noso ilustre veciño. O resto dos centros educativos e bibliotecas públicas que amosen interese polo exemplar, vano recibir por correo dende o Concello nos vindeiros días.
A gran inauguración que Mourelle merecía e que se tivo que suspender pola pandemia, chegará con grandes novidades a Corme, a localidade natal do Almirante Mourelle.