Lois García quere pedir a Alberto Núñez que desbloquee asuntos de relevancia para o Concello que están parados nas consellerías
O alcalde de Ponteceso, Lois García, insiste en reunirse co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez, para tratar asuntos de relevancia para o Concello que están parados nas consellerías.
INVESTIMENTOS DE AUGAS DE GALICIA E MEDIO AMBIENTE, SEN DATA
O alcalde reuniuse coas conselleiras responsables de Augas de Galicia e Medio Ambiente e aportou as memorias e proxectos que lle pediron, pero os investimentos non chegan. "Necesitamos os investimentos de Augas de Galicia, pois temos un proxecto para cofinanciar, que consiste en levar o saneamento á Bouza e Lestimoño por debaixo das beirarrúas, no que a Deputación vai investir 900.000 euros, xa aprobados en pleno provincial. En sete anos non conseguimos un só metro de tubaxe nin de abastecemento nin de saneamento financiados por Augas de Galicia, e queremos que o presidente desbloquee este veto a Ponteceso", apunta Lois.
PLAN HURBE CON MEDIO AMBIENTE
Coa conselleira de Medio Ambiente está bloqueado o Plan Hurbe, polo que se poden unir as localidades de Pazos e A Bugalleira con sendas peonís e ciclistas. "A conselleira pediunos en outubro do 2021 unha memoria valorada das actuacións a cofinanciar no 2022, e xa hai meses que lla enviamos, pero non temos resposta.
Tamén no relativo ás parcelas do polígono de Tella que non se edificaron, queremos que Xestur as saque a poxa coa bonificación do 50% como sucedeu noutros polígonos que xestiona”, explica o rexedor.
EDUCACIÓN: A INCLUSIÓN DOS CENTROS EDUCATIVOS DE PONTECESO NO PLAN DE NOVA ARQUITECTURA PEDAGÓXICA
O alcalde tamén ten solicitado que a Xunta inclúa a Ponteceso no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica. "Por exemplo, o colexio Eduardo Pondal ten máis de 40 anos e acumula problemas na fachada e un tellado obsoleto. O verán é o momento de facer unha gran reforma dentro deste plan, pero o conselleiro de Educación aínda non nos recibiu para abordar este investimento. Ponteceso está fora deste plan da Xunta tamén", lamenta García.
INFRAESTRUTURAS
"Seguimos pendentes tamén do desbloqueo das sendas do Couto por parte de Patrimonio para que se poidan licitar", engadiu García.
APOIO PARA O POLO DE DESENVOLVEMENTO NO PARQUE EMPRESARIAL DE TELLA
O alcalde quere pedir o apoio do presidente para que Ponteceso acolla o polo de desenvolvemento da Costa da Morte no parque empresarial de Tella.
Alcaldía.