"Vivas, libres e sen medo, empoderadas e iguais"
Hoxe, 8 de marzo, celébrase o Día Internacional da Muller; unha xornada para loitar pola igualdade, a participación e o empoderamento desta en todos os ámbitos da sociedade.
As mulleres, unidas, teñen o poder de cambiar o mundo. Son un colectivo que coñecen de primeira man a loita. Só hai que botar a vista atrás para ver o que lograron en todos estes anos, pero, por desgraza, aínda queda moito camiño por percorrer.
Cada unha de nós segue loitando cada ano por acabar coa violencia de xénero e a brecha salarial, entre outras desigualdades e inxustizas. Os homes teñen moita importancia neste labor. Ademais, teñen motivos para facelo, pois a igualdade de xénero beneficia a toda a sociedade e o destino de ambos está unido dalgunha ou de outra forma.
En todo caso, ata que non se consiga unha igualdade de xénero efectiva, seguirá sendo necesario celebrar este día; unha loita imparable que conta xa con máis de cen anos de historia.
Este ano, o lema do 8M é “Igualdade de xénero hoxe para un mañá sostible”. O cambio climático representa un dos desafíos mundiais máis polémicos do século XXI, cun grave impacto no desenvolvemento económico, social e ambiental das nacións. Considerando que son o sector da poboación máis marxinado e vulnerable, preténdese recoñecer a valiosa contribución das nenas e das mulleres na mitigación e adaptación do cambio climático a nivel mundial. Con iso alcanzarase un futuro máis sostible para todos os habitantes do planeta.
Sexas muller ou home, participa na conmemoración deste día en favor dunha sociedade máis xusta, máis pacífica e máis sostible. Únete ó movemento e visibiliza a historia dalgunha muller (son infinitas), que contribúa á loita.
Ponteceso estará de morado hoxe e sempre na procura da igualdade de unha vez por todas. Dende estas liñas queremos recoñecervos todo o feito e logrado ata o de agora. Xa é hora de que a sociedade vos devolva o loitado. Hoxe pode ser o primeiro día dunha nova era. O Concello de Ponteceso dende logo que apoiará esta causa.
Con motivo da guerra desatada por Rusia en Ucraína, o consistorio tamén quere facer extensivo este recoñecemento ás mulleres ucraínas, que na gran maioría dos casos se ven abocadas a fuxir do horror soas, cos seus fillos, debido a que os homes son chamados á fronte para defender as cores amarela e azul. O voso valor é innato. Dende aquí trataremos de axudarvos en todo o posible para que pronto poidades reencontrarvos todos e ser felices como merecedes.
Para todas as mulleres do mundo e por vós, sodes únicas, valedes ouro. Parabéns polos éxitos e forza para avanzar sempre! Coa vosa coraxe, ninguén poderá. Vivas, libres e sen medo, empoderadas e iguais.
Descargas asociadas