O Concello de Ponteceso esixe que pare a agresión
A ponte do Anllóns loce de amarelo e azul en sinal de apoio a Ucraína pola guerra desatada nos últimos tempos.
O Concello de Ponteceso oponse a todo tipo de combate que afecte á paz mundial.
Azul e amarelo son as cores da bandeira do país ucraíno. Con esta mensaxe, o consistorio pontecesán amosa a súa solidariedade co sufrimento do pobo eslavo e esixe que pare a agresión.
A Administración local respondeu ó chamamento da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), ofrecéndose a axudar en todo o que poida para colaborar en aliviar a situación humanitaria.
O Concello de Ponteceso manifesta firme censura respecto á agresión que Rusia está a levar a cabo en Ucraína. Como defensores dos dereitos e liberdades das persoas non podemos tolerar ningunha acción que socave ditos cimentos humanos.
As guerras son unha traxedia e un retroceso da civilización. Non hai nada que xustifique as vítimas mortais e o cruel sufrimento dos superviventes, que
marcará o resto das súas vidas.
Os devastadores efectos desestruturan a sociedade moito máis aló do conflito bélico. Danos irreparables que se agravan cada minuto que pasa.
Por tanto, unimos a nosa voz ás que apreman ao dirixente ruso para que cese
os ataques e a invasión do territorio ucraíno inmediatamente, que desista de
calquera acción pola forza e retome a negociación como única vía para procurar
os seus intereses.
Así mesmo, apoiamos o labor da comunidade internacional por restablecer a paz e salvagardar a independencia de cada país e poñémonos á súa disposición
para axudar, dentro das nosas posibilidades, naquelas medidas que procuren á protección e benestar das persoas que foxen do conflito para salvar a vida.
Os ucraínos e as ucraínas poden contar con esta entidade municipal, que está
pendente -con gran preocupación e pesar- do que están a vivir. Forza!
Descargas asociadas