Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Éxito de participación na limpeza levada a cabo no Esteiro do Río Anllóns e na Praia da Barra do Medio.


Os voluntarios recolleron grandes cantidades de lixo mariño


Uns vinte cinco voluntarios de Ponteceso e chegados de outras zonas -entre eles, o alcalde, Lois García- limparon na mañá do sábado dúas Zonas de Especial #Conservación como son o Esteiro do Río Anllóns e a Praia da Barra do Medio. Foi a través dunha iniciativa sostible co medio ambiente que partiu da Asociación Mar de Fábula e do Concello.
O tempo acompañou dende primeira hora da mañá cun sol que non cesou. O punto de inicio escollido para facer esta ruta de limpeza de #lixo mariño foi o Malecón. A través do sendeiro PRG-148 e das indicacións do técnico municipal Javier Couto, fíxose unha primeira parada en varios puntos do esteiro con gran acumulación de bidóns e botellas de #plástico agochados na xunqueira. Logo, continuouse ata o areal, onde o traballo foi aínda maior con grandes volumes de residuos, abundante microplástico e moitos cachos de espuma sintética. Redes e madeira procesada completaron a larga lista de lixo atopado. O esforzo foi inmenso para retirar preto de vinte cinco sacos de 100 litros costa arriba. Para elo houbo que conformar unha cadea humana.
Foi unha xornada moi frutífera, xa non só pola propia tarefa realizada, senón pola colaboración, a fraternidade e o intercambio de opinións experimentados entre os participantes. Continuamos con iniciativas que deben marcar o camiño a seguir para un Ponteceso máis sostible e respectuoso co MedioAmbiente.

Concello de Ponteceso