Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Manifesto do Concello de Ponteceso a prol da Eliminación da Violencia contra a Muller


Ponteceso, a 25 de novembro do 2021
Vinte e cinco de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a
Muller.
María Isabel M. M., 37 anos, era nai de tres fillos e faleceu a consecuencia das lesións
producidas pola súa exparella. A muller non constaba no Sistema de seguimento integral
da violencia de xénero (Sistema VioGén), pero si o asasino por outra vítima distinta. Os
feitos causaron unha gran consternación na localidade de San Roque (Cádiz) xa que a
falecida rexentaba dous coñecidos negocios do sector hostaleiro.
Esta é a historia da última morte por violencia de xénero en España, sucedida o pasado
día 7 de novembro. Dezaoito días despois, hoxe, 25 de novembro, celébrase a xornada
internacional de eliminación da violencia contra a muller. Non son casualidades, senón
realidades. É una lacra que segue ao pé do cañón e fronte a que hai que facer todos os
esforzos dende as institucións, as administracións e o conxunto da sociedade para chegar
a tempo e evitar máis mortes.
María Isabel deixa dúas fillas e un fillo menores de idade que quedan orfos. É a outra
cruel realidade da violencia de xénero, ao igual que a dor dos familiares e os amigos.
Con este caso, o número de mulleres asasinadas por violencia machista no país ascende
a 37, este ano, e a 1.118, dende o 2003, que foi cando se comezaron a recompilar datos
desta índole. De igual modo, o número de menores orfos por estes actos totalmente
condenables xa é de 24 no 2021, e de 330, dende o 2013.
A mensaxe é clara: nin unha máis, nin unha menos.
Se coñeces algún caso, non dubides en axudar a prever actitudes deste tipo. Podedes
solicitar información relativa a estas situacións na concellaría de Igualdade de Ponteceso.
Recorda que o teléfono de atención a vítimas de violencia de xénero é o 016.
Ponteceso, sempre ó teu carón. Entre todos eliminemos a violencia contra a muller.
Xuntos, podemos!

Concello de Ponteceso