Así llo fixeron saber ao Alcalde do Concello de Ponteceso, Xosé Lois García Carballido, e con este investimento poderanse levar a cabo melloras en Corme
A Conselleira do Mar, Rosa Quintana, e a Presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, comunicáronlle ao Alcalde de Ponteceso un investimento próximo de 100.000€ en Corme. Logo da visita da Presidenta de Portos de Galicia a Corme, hai agora un ano e medio, o Concello reuniuse coa Confraría de Pescadores de Corme antes da entrevista en San Caetano, para ver as necesidades de investimentos e mantemento pendentes no porto, así como as melloras laborais precisas para a xente do mar.
Amais, falouse tamén de atraer máis barcos a Corme, do problema da mexilla e as necesidades de formación no sector do mar. Para atender de primeira man as necesidades do sector o Alcalde de Ponteceso convidou a Conselleira do Mar, Rosa Quintana, a unha visita á Confraría, fóra da importante campaña de nadal, esencial para a súa economía.
O Alcalde, Xosé Lois García Carballido, pediu un plan de obras na Avenida da Mariña, con peralte cara o paredón para evitar que se acumule a auga do mar, así como tamén se solicitou a mellora da seguridade viaria no acceso ao porto. García Carballido tamén demandou máis pantaláns e un servizo permanente de auga potable e enerxía eléctrica. O Concello de Ponteceso considera necesario contar con dársenas para o seu uso como promoción turística, así como para seren utilizadas para salvamento e socorrismo.
O Alcalde agradeceu a atención de Rosa Quintana e García Carballido continuará traballando para lograr maiores investimentos que permitan levar a cabo melloras en Corme.