O Concello de Ponteceso informa da decisión de non celebrar a xa tradicional Feira das Fabas que se ven festexando o último fin de semana do mes de outubro dende que se recuperase esta tradición no ano 1990.
O goberno municipal toma esta determinación posto que non sería posible garantir o cumprimento das medidas sanitarias necesarias, como é o caso da distancia interpersoal. Amais, é preciso lembrar que se trata dun evento gastronómico, a Feira das Fabas, o cal congrega a máis de mil persoas que estarían degustando este produto, e polo tanto tamén supón a retirada da máscara mentres se estivese consumindo os pratos. Ante esta situación, e tendo en conta que polo de agora non se están a dar as condicións sanitarias idóneas, lamentablemente a edición deste ano 2021 non se levará a cabo. Agradecemos coma sempre a boa disposición dos nosos cociñeiros Josefa, Manolo e Pablo da Pesqueira.
Con todo, dende o Concello de Ponteceso animamos a todos os locais de restauración e hostalería a elaborar pratos con fabas neses días para que as veciñas e veciños, así como todos aqueles que visitan a nosa localidade, poidan degustar este produto pontecesán.
Tamén informamos que para eses días o Concello de Ponteceso levará a cabo varias actividades alternativas á Feira das Fabas que serán anunciadas en breve.