Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O MACCMO inaugurou a exposición itinerante “Facer Camiño”

O acto de inauguración celebrouse hoxe ás 18:00 horas e nel participaron o alcalde de Ponteceso, a presidenta da Fundación Torre-Pujales, Cristina Torre Cervigón, e Xurxo Lobato, membro da Real Academia Galega de Belas Artes

O alcalde de Ponteceso, Xosé Lois García Carballido, participou xunto con Cristina Torre Cervigón, presidenta da Fundación Torre-Pujales, e Xurxo Lobato, membro da Real Academia Galega da Belas Artes no acto de inauguración da exposición artística itinerante “Facer Camiño”.

No acto de inauguración, Cristina Torre Cervigón manifestou a ledicia da Fundación Torre-Pujales por acoller este proxecto. “O MACCMO acolle coas portas abertas esta magnífica forma de facer o Camiño que organiza a Real Academia Galega de Belas Artes. O MACCMO sempre estará disposto a colaborar cos grandes proxectos culturais”, afirmou.

“Esta exposición quere reflectir a mirada do Camiño a través das creacións dos propios académicos”, explicou Xurxo Lobato, que acudiu ao evento como representante da Real Academia Galega de Belas Artes. Engadiu, ademais, que “a arte e a creatividade non teñen que estar só nas cidades. O pluralismo cultural é importante e é un orgullo para a Academia poder estar expoñendo as nosas obras aquí”.

Pola súa parte, o dirixente pontecesán agradeceu á Xunta de Galicia, á Consellería de Cultura e á Real Academia Galega de Belas Artes que contasen co MACCMO como unha das localizacións nas que expoñer as obras dos académicos. “Calquera evento cultural que se faga aquí colle un realce enorme porque o propio continente xa é unha obra de arte”, afirmou. “Poder facer cultura desde Corme para nós é unha grandísima honra. Todo o mundo que vén ao museo, sexa de onde sexa, marcha encantado coa oferta do MACCMO, coa atención de Sonia (a técnica do museo) e co sistema de becas. Isto é algo moi bonito: que un artista poida vir a un piso a Corme, con vistas ao mar, e dedicarse a facer creacións e que o sistema de becas permita que ese artista poida estar aí a cambio de doar unha obra ao museo”, engadiu.

O evento celebrouse na tarde de hoxe, venres 17 de setembro, para inaugurar a exposición, composta por diversas obras de académicos da Real Academia Galega de Belas Artes, e que permanecerá no MACCMO un mes para o desfrute de todas e todos os visitantes do museo.

Concello de Ponteceso