Organizado pola Asociación Cultural Ínsua de Viastela de Corme, a iniciativa está enmarcada no programa “Un Mar de Relatos”
O ciclo de lectura de relatos curtos que acolleu o Museo de Arte Contemporánea da Costa da Morte ao longo do verán chegou a súa fin este mesmo mércores, 25 de agosto.
A iniciativa, enmarcada no programa “Un Mar de Relatos” e organizada pola Asociación Cultural Ínsua de Viastela de Corme, desenvolveuse todas as mañás dos mércores ao longo do mes de xullo e agosto.
Para o peche do ciclo de lectura de relatos curtos, na mañá de hoxe, a condutora da actividade María Suárez converteuse tamén na protagonista da xornada, pois elixiuse para a ocasión un relato en galego da súa autoría, “Retrincos coa miña vila ao fondo”. Amais da lectura e como xa era habitual na actividade, os e as participantes compartiron coloquio sobre a obra.
Ao longo de todas as sesións que se levaron a cabo de lectura e coloquio tratáronse relatos e autores moi diversos como Wislawa Szymborska "Certos pescadores sacaron do fondo unha botella" poeta e ensaísta polaca e gañadora do Premio Nobel de Literatura en 1996; Saki coa obra "El barco del tesoro”; Ítalo Calvino co relato "A aventura dun poeta" ou ray Bradbury con “A sirena na néboa”, entre outros.
Coa de hoxe ponse así fin a un verán cheo de letras e relatos no Museo de Arte Contemporánea da Costa na Morte.