Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Un proceso innovador de paneis fabricados en Buño marcan a construción das novas naves no Parque Empresarial de Tella

As cinco naves que se están a construír no polígono pontecesán pechan deste xeito o círculo industrial na propia Comarca de Bergantiños

Construción das naves do Polígono de Tella con paneis fabricados en Buño
A construción de cinco naves industriais no Parque Empresarial de Tella, Ponteceso, avanzan a bo ritmo e en cuestión de poucos meses as empresas que queiran asentarse no polígono pontecesán poderán iniciar a súa actividade de xeito inmediato unha vez finalizadas as obras.

A realización das tarefas con maior celeridade débese a un proceso de construción innovador seguindo un modelo por módulos, no que se está a empregar paneis fabricados nunha empresa de Buño, Malpica de Bergantiños, pechando así o círculo industrial feito integramente na propia Comarca de Bergantiños. O uso destas pezas prefabricadas, elaboradas na comarca, permiten levar a cabo o proceso de construción de ditas naves nun espazo de tempo menor que noutro tipo de obras, polo que se presenta un modelo atractivo para que poidan empregalo no resto de parcelas que están baldeiras no Parque Empresarial de Tella. Amais do aforro de tempo na construción, estes paneis reducen á súa vez os custes e á par que potencian e pon en valor a actividade empresarial da nosa contorna.

O Concello de Ponteceso lembra que todas aquelas empresas interesadas en desenvolver a súa actividade no Polígono de Tella poden contactar e solicitar información no número de teléfono 981 714 000 ou no correo electrónico concello@ponteceso.net.

Concello de Ponteceso