O obxectivo é aumentar a seguridade así como tamén, contribuír ao coidado do medio e loitar contra o cambio climático
O coidado do medio ambiente e a loita contra o cambio climático son dous dos obxectivos estratéxicos do goberno do Concello de Ponteceso nesta materia. Por elo, vén de adaptar e homologar un vehículo híbrido, que xa figuraba no parque móbil do Concello para o seu uso por parte da Policía Local, pasando as correspondentes inspeccións.
Coa adquisición deste vehículo, o Concello de Ponteceso ten como obxectivo aumentar a seguridade, así como tamén contribuír ao coidado do entorno. Neste senso, dende o Concello xa se solicitara en varias ocasións, sen ser solucionadas as peticións, á Vicepresidencia da Xunta de Galicia axuda para adquirir vehículos, posto que o parque móbil da Policía Local é moi antigo e non reúne as condicións de seguridade necesarias.
Amais, para continuar traballando en materia de coidado do medio, a Policía Local de Ponteceso reforzará a vixilancia para evitar vertidos incontrolados de residuos, prestando especial atención e coidado en espazos como as pistas rurais. Con esta medida, dende o Concello preténdese eliminar este tipo de prácticas insolidarias e que provocan en moitas ocasións graves impactos ambientais na nosa contorna.