Trátase dunha iniciativa na que queren facer partícipes a todas e todos os veciños
O Museo de Arte Contemporánea Costa da Morte en Corme (MACCMO) quere facer partícipes a todas e todos os veciños do Concello de Ponteceso para formar parte do proceso de creación dunha bandeirola ou cartel que vista a fachada do museo.
A iniciativa está dirixida para todo o público e dende o MACCMO invitan a todas e todos os veciños do concello para que deixen a súa pegada artística. A temática da obra é libre agás temas publicitarios, políticos, obscenos, ofensivos ou calquera outro que poida ferir a sensibilidade non se incluirán para a obra final. Tamén terá cabida todo tipo e estilo artístico, que quedará na elección dos participantes como acrílico, pintura
industrial, fotografía, collage, pódese coser, pegar, usar rotuladores permanentes ou en forma de cómic ou debuxos.
As persoas que desexen participar na confección do “traxe” do MACCMO poderán recoller o soporte no que realizarán a súa obra, unha lona de 35/35 cm, dende este martes día 3 de agosto ata o día 10 de agosto e entregaranse no museo como data límite o 15 de agosto.
Unha vez recollidas todas as obras artísticas xuntaranse para crear o mosaico que vestirá o Museo de Arte Contemporánea da Costa da Morte.
Unha vez confeccionado, publicaranse os nomes das persoas participantes.