Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O Museo de Arte Contemporánea da Costa da Morte inaugura a exposición máis íntima de Alfonso Abelenda

A presentación será este sábado 7 de agosto ás 12:30 e contará coa presencia do fillo do artista

O Museo de Arte Contemporánea da Costa da Morte en Corme acollerá este sábado 7 de agosto, ás 12:30, a inauguración da exposición "Abelenda - Íntimo e inédito".
Alfonso Abelenda (A Coruña 1931 - 2019) foi e será un dos grandes creadores plásticos galegos. A obra pictórica de Abelenda parte da gran pintura española de artistas como Goya, Velázquez ou Solana, para logo chegar á modernidade coa que xoga co Pop, o humor e o expresionismo. As creacións de Alfonso Abelenda convértense en todo momento na pintura máis representativa de Galicia.
A súa obra plástica e os seus debuxos de humor en diversos medios, por estes últimos recibiu o premio Planeta Agromán, foron coñecidos en todo o territorio español. Expuxo no Pavillón de España da Expo Mundial de Bruxelas, na Expo Mundial de Nova Iorque, Exposición francesa en Moscú, en Tetúan, en Rabat, en Caracas ou en México D.F.
Abelenda colaborou amais no cine como Manolo Summers na serie “Cine por un tubo” para TVE.
A demostración da alta categoría artística de Alfonso Abelenda, chega en 1999 marcado por dous grandes acontecementos: cando realiza a súa primeira gran mostra antolóxica no Kiosko Alfonso de A Coruña, e a que se realizou despois do seu pasamento.
Agora e grazas á Fundación Torre-Pujales chega ao MACCMO de Corme unha exposición da súa máis íntima e inédita. Como obra principal a mostra contará cun gran cadro de 1997, titulado “Autorretrato ou máscara cos pinceis”, trátase dunha atrevida visión do último retrato: “A máscara mortuoria”.
Este cadro tan só se expuxo ao público no seu funeral e agora dous anos despois no Museo de Arte Contemporánea da Costa da Morte, grazas ao fillo de Abelenda por permitir expoñer por primeira vez as marionetas que o seu pai fixo na súa nenez.

Concello de Ponteceso