O Plan de Licitacións polo que o goberno de Ponteceso pretende adxudicar todos os servizos recorrentes acadou xa a súa primeira meta volante coa adxudicación dun contrato en dous lotes para o mantemento de xardíns, céspede dos campos de fútbol de herba artificial, parques infantís e áreas biosaudables de todo o concello.
O adxudicatario de ambos foi Jardinería Arce S.L. A duración do contrato é de dous anos, con dúas posibles prórrogas dun ano cada unha, e o prezo total é de 185.279,07 euros, o que supón un aforro de 16.838,78 euros sobre o prezo de saída e diversas melloras ofertadas pola empresa.
O proceso foi confirmado polo Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia (Tacgal). O catálogo completo dos servizos pode consultarse na seguinte ligazón: https://contrataciondelestado.es/wps/wcm/connect/PLACE_es/Site/area/docAccCmpnt?srv=cmpnt&cmpntname=GetDocumentsById&source=library&DocumentIdParam=eb363c8f-9d85-49cf-b4f6-45522861ceb8
Todos os servizos recorrentes do Concello vanse licitar en procedemento aberto
O enorme traballo técnico e administrativo desenvolvido para levar a cabo un contrato así vai ter continuidade cos seguintes contratos administrativos recorrentes pendentes de licitación.
Así o valorou o alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido: “Cando cheguei ao goberno en 2015, non había practicamente ningún contrato en vigor. Estamos licitando obras e servizos coma se foramos un concello de corenta mil habitantes”.
Enorme cobertura de zonas verdes: xardíns, parques, campos e biosaudables
O contrato ten que manter 27.926 metros cadrados de zonas axardinadas, parterres con flores e outros; 14.000 metros cadrados de céspede sintético, 1.000 metros cadrados de equipamentos biosaudables; e 1.500 metros cadrados de parques infantís, incluídos os parques dos centros educativos de cero a tres anos, infantil e primaria de todo o concello de Ponteceso.
Ademais, a empresa adxudicataria deberá facer levantamentos topográficos de todas as zonas a conservar, fotos e informes de todas as melloras realizadas e un sitio web para a consulta de todos os mantementos e melloras.
Unha empresa autorizada vai emitir un certificado de revisión dos parques infantís, por primeira vez en Ponteceso
Un enxeñeiro técnico vai supervisar os traballos e unha empresa autorizada vai emitir a certificación obrigatoria de parque seguro.
CARTOGRAFÍA
Con anterioridade ao terceiro mes de contrato, a empresa adxudicataria deberá realizar un levantamento topográfico da zona de traballo (en formatos papel e dixital -programa acordado previamente coa dirección facultativa-) que irá actualizando semestralmente, incluíndo todas aquelas variacións e melloras acometidas nese intervalo, en base ao cal deberá presentar os planos que se especifican a continuación.
No primeiro lote, deberá adxuntarse un plano de referencia do levantamento topográfico das zonas obxecto de contrato a escala 1/500. Para a altimetría utilizaranse curvas de nivel cunha equidistancia de 1 metro, reflectindo unha curva mestra cada 5 metros.
Tamén deberá incluírse un plano de xardinería, que debe reflectir tódolos aspectos relacionados coa xardinería e rega: superficies de zonas verdes e pavimentadas, límite de substrato, árbores e arbustos, macizos, sebes, pedra ornamental, programador, aspersor, válvula, ...No referente ás plantacións asociaráselle unha base de datos que conteña cando menos as seguintes características de cada elemento: especie, número de exemplares, altura e cobertura.
Ademais, incluirase un plano de mobiliario urbán, que se encontra nos xardíns, no que se reflectirán todas aquelas entidades alleas á xardinería: instalación eléctrica e rede de pluviais, bancos, fontes, vales, iluminación, papeleiras, xogos infantís, instalacións para a práctica de ximnasia biosaudable, sinalización e calquera outra instalación. Igual que no caso anterior a cada unha destas entidades asociaraselle unha base de datos que conteña cando menos os datos referidos a tipo e uso do mobiliario, dimensións e materiais de fabricación, fabricante, modelo…
No segundo lote deberase incluír como plano de referencia o levantamento topográfico das zonas obxecto de contrato a escala 1/500. Para a altimetría utilizaranse curvas de nivel cunha equidistancia de 1 metro, reflectindo unha curva mestra cada 5 metros.
O plano de superficie de xogos debe reflectir tódolos aspectos relacionados coa zona de xogos obxecto do contrato: superficies de xogos, tipos de pavimentos, tipos e cantidade de xogos instalados. Tamén se relacionarán os elementos de iluminación na área de xogo. No referente aos elementos de xogo, asociaráselle unha base de datos que conteña cando menos as seguintes características de cada elemento: tipo de xogo, idade de uso, e aqueles que o licitador considere relevantes.
SUPERVISIÓN E CONTROL DA PRESTACIÓN DOS SERVIZOS
O control e vixilancia da prestación dos diferentes servizos adxudicados en relación coas especificacións do presente prego será realizado polos responsables municipais que o concello designe, que estarán en contacto cos técnicos da empresa adxudicataria para resolver calquera dúbida que exista en relación ás operacións a realizar, polo que estes deberán dispor dun teléfono móbil para poder estar localizados en todo momento durante o horario laboral.
Co propósito de lograr unha mellor eficacia na supervisión e control do servizo o adxudicatario deberá implementar unha plataforma web ou similar na que o Concello de Ponteceso terá acceso á seguinte información/documentación.
Dunha banda, o adxudicatario cumprimentará unha folla de cálculo na que se rexistren diariamente todos os traballos desenvolvidos nas diferentes áreas ou zonas axardinadas; este documento estará conformado como mínimo polos seguintes datos que se estruturan en cadansúa columna da folla de cálculo: data de realización dos traballos, área ou zona de mantemento, nome e apelidos dos traballadores, tarefas desenvolvidas, e incidencias.
No rexistro de todas as labores do día empregaranse tantas filas como sexan necesarias. Os datos anteriores deberanse actualizar diariamente e a folla de cálculo deberá estar dispoñible na plataforma web ou similar para a súa visualización e descarga permanentemente.
O adxudicatario deberá confeccionar unha reportaxe fotográfica diaria do estado anterior e posterior de cada unha das zonas nas que se executen os traballos obxecto deste contrato; enténdense por estado anterior aquel que é previo a execución das tarefas do día en curso e por estado posterior aquel no que queda a zona unha vez rematadas os traballos de dita día. A reportaxe fotográfica estará conformada por un conxunto de fotografías de cada unha das zonas nas que se desenvolvan as labores de mantemento e conservación do día en curso.
Deberá ter un carácter comparativo, polo que cada fotografía do estado anterior deberá ter a súa correlativa ca estado posterior, tomadas desde o mesmo sitio.
A plataforma web deberá ter habilitada a descarga das fotografías cunha resolución mínima de 100 ppp e tamaño mínimo 1280 * 768 pixeles.
As reportaxes fotográficas deberán estar subidas á plataforma no prazo dun día despois da execución dos traballos.
Cada unha das fotografías incorporarán os seguintes metadatos: coordenadas de localización, data da toma e hora da toma.
A plataforma web deberá incluír un bloque no que se habilite un sistema de localización xeográfica que subministre información instantánea da localización de cada un dos traballadores nas distintas áreas durante o horario de traballo.
Debe anticiparse por parte do adxudicatario, a través da plataforma web, a previsión dos traballos a desenvolver con carácter mensual, sempre en consonancia coas pautas establecidas polos técnicos municipais; esta planificación deberá estar a disposición do Concello de Ponteceso nunha folla de cálculo en dita plataforma o último día do mes anterior ao de realización dos traballos.
Con todo, a plataforma deberá estar activa durante todo o período do contrato máis un prazo de 6 meses logo da finalización do mesmo. Tanto as follas de cálculo como as reportaxes fotográficas terán carácter descargable e acumulativo no tempo durante todo o período de actividade da plataforma.
O cadro de persoal deberá contar, como se indicou con anterioridade con persoal cualificado para a supervisión e dirección das tarefas.
No caso do primeiro lote, este persoal deberá incluír: Técnico/a cualificado/a (Enxeñeiro Agrícola, ou enxeñeiro/a técnico agrícola con especialidade en xardinería ou similar), co persoal administrativo que requira o servizo e co número de operarios/as preciso para cubrir as necesidades de conservación de cada zona, incluíndo as áreas biosaudables. As horas de traballo precisas atenderán ó Convenio Colectivo Estatal de Xardinería.
No segundo lote, incluirá: un/unha encargada/o con experiencia demostrable de alomenos 2 anos no mantemento, reparación e conservación de mobiliario urbán, en concreto áreas de xogos infantís con formación axeitada, en especial o recollido no DECRETO 245/2003 e NORMAS UNE DE OBLIGADO CUMPLIMIENTO e na UNE EN-16630/2015.
Diante da posibilidade de accidentes entre os operarios ou de persoas ou causas, esixirase ao contratista a subscrición dunha póliza de seguros de responsabilidade civil de danos a terceiros cunha garantía mínima de 500.000 €, nun prazo máximo dun mes desde a notificación da contratación. Unha vez asinada a referida póliza seralle remitida ao Concello de Ponteceso copia autenticada da mesma.
A maiores, a empresa ofertou como melloras sobre o contrato persoal de reforzo nas las épocas de máis carga de traballo, plantación de flor de tempada, incremento do mantemento
ata 4.000 metros cadrados de zonas verdes do Concello de Ponteceso, subministro dun xogo de redes de porterías ao ano para cada un dos campos, bolsa de material de rega para as reparacións de 2.000 €, medios materiais adscritos ao servizo, vehículo transporte persoal e material, 1 plataforma elevadora para poda, aumento das áreas de xogo a manter, aumento de pezas de substitución valoradas en 2.000€, subbministro de elementos de xogos infantís valorados en 2.000€, e aumento de bolsa de reparación de caucho 150m2.