O municipio pasa a formar un peche perimetral conxunto co concello de Coristanco
A Xunta de Galicia anunciou hoxe, venres 11 de decembro, as actualizacións das restricións establecidas na Comunidade.
No caso de Ponteceso, o concello continúa no nivel medio-alto de restricións, polo que o único cambio notable nas medidas é que o municipio pasa a formar un peche perimetral conxunto tan só co concello de Coristanco.
Este peche resulta prexudicial para o comercio de Ponteceso, xa que tras un mes con peches, a prohibición de desprazamentos entre concellos próximos coma o de Malpica ou o de Cabana complica aínda máis a situación económica da localidade. A escasa baixada na incidencia do virus en Ponteceso debería implicar un cambio na estratexia a seguir para reducir os casos no concello.
As novas medidas entrarán en vigor a partir das 00:00 horas deste sábado, 12 de decembro, unha vez se publique no DOG.
As outras medidas, que continúan en vigor, son as seguintes:
- Reunións de non conviventes dun máximo de 4 persoas. Se nun domicilio habitan dúas persoas, tan só poderán recibir visitas doutras dúas.
- Hostalería:
Aberta ata as 17:00 horas, co 30% de aforo interior e 50% de aforo en terrazas.
Grupos de, como máximo, 4 persoas non conviventes.
Só servizo en mesa, con peche de barras.
Recordade que é importante que todos e todas respectemos as medidas establecidas en cada momento para frear a expansión do COVID-19. Desde o Concello de Ponteceso, desexamos unha pronta recuperación aos convalecentes.
En canto aos demais concellos da bisbarra, tan só Carballo permanece no nivel máximo de restricións cun peche individual.
Ademais, do peche conformado por Coristanco e o noso concello, outros 6 concellos de Bergantiños conforman outros 2 peches en nivel medio-alto: por un lado, Camariñas, Vimianzo e Zas, e por outro Cee, Dumbría e Muxía.
Laxe atópase en peche individual no nivel medio de restricións, mentres que A Laracha, Cabana, Malpica, Santa Comba, Mazaricos, Carnota, Muros, Fisterra, Corcubión pasan a atoparse no nivel básico.