Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Reabre a hostalería en Ponteceso a partir do próximo venres

A nova normativa aprobada pola Xunta de Galicia autoriza á apertura da hostalería ata as 17:00 horas, en grupos de ata 4 non conviventes

A Xunta de Galicia anunciou na mañá deste mércores, 2 de decembro, as novas medidas restritivas que se aplicarán na Comunidade Autónoma a partir do próximo venres ás 00:00 horas.

Para a aplicación desta nova normativa, a Consellería de Sanidade diferenciou entre catro grandes grupos de municipios en base ao número de casos activos a 14 días e ao número de habitantes da localidade. No caso de Ponteceso, establécese o nivel medio-alto, ao tratarse dun concello de máis de 10.000 habitantes con incidencia de 150 a 250 casos a 14 días.

Este nivel medio-alto crea un novo peche perimetral do que Ponteceso forma parte xunto aos municipios de Coristanco, Cabana de Bergantiños e Malpica. A nova normativa volve a permitir as reunións sociais entre non conviventes, sempre que non se sobrepase un total de 4 persoas por grupo.

Ademais, a hostalería de Ponteceso pode volver a abrir a partir do próximo venres, cun horario que poderá estenderse ata as 17:00 horas. Os aforos permitidos serán do 30% para o interior dos establecementos, onde as barras permanecerán pechadas, e o 50% do aforo en terrazas. Os grupos tamén poderán ser de ata 4 persoas non conviventes.

A día de hoxe, o concello de Ponteceso presenta un total de 33 casos activos de contaxio por COVID-19.

Concello de Ponteceso