Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O Concello de Ponteceso lanza a primeira edición do concurso ?Ponte en fotos?

O certame de fotografía comeza hoxe, mércores 22 de xullo, e prolongarase ata o 14 de agosto

A primeira edición do concurso de fotografía ?Ponte en fotos? ve a luz da man do Concello de Ponteceso. O certame nace para dar a coñecer os aspectos paisaxísticos, arqueolóxicos e da vida cotiá da localidade.

Neste concurso poderá participar calquera persoa (afeccionada ou profesional da fotografía) que o desexe, tanto maiores de idade como menores, sempre que estes conten con autorización do seu titor/a legal. O requisito fundamental que deberán cumprir todas as imaxes será estar tomadas nalgún lugar de Ponteceso.

Á hora de presentar as imaxes, estas deberán cumprir as seguintes condicións. Deberanse entregar 3 fotografías por persoa, con temática paisaxística, arqueolóxica, da vida cotiá ou libre. Deberase indicar a data das fotos, e estas deberan ser actuais, tomadas ao longo do 2020. Poderán ser en branco e negro ou en cor, pero non se admitirán fotografías con retoque dixital, con marcas de auga ou con borde ou marco dixital. Ademais, deberase acreditar a autoría das imaxes e estas poderán ser do mesmo lugar de Ponteceso ou de lugares distintos dentro do municipio.

Os participantes deberán subir as súas imaxes a Instagram, mencionando a conta do concello (@concelloponteceso) e o hashtag #PonteEnFotos. Ademais, as fotografías deberanse entregar en formato .jpg e coa máxima resolución posible nunha carpeta que inclúa tamén o formulario de inscrición (pdf adxunto para descarga) a través de WeTransfer ao correo concelloponteceso.comunicacion@gmail.com.

O prazo de participación abarcará entre hoxe, mércores 22 de xullo, e o día 14 de agosto. O concurso contará con dous premios: o premio do xurado profesional, que será designado no seu momento polo Concello, e o premio do público, que se concederá á foto que máis me gusta teña. Cada un dos gañadores obterá unha cea para dúas persoas no restaurante Miramar, con validez para 3 meses de luns a venres. As dúas fotografías gañadoras comunicaranse o día 21 de agosto.

Descargas asociadas


Concello de Ponteceso