Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O Concello de Ponteceso aproba novas melloras nos camiños da localidade

Estas obras forman parte do proxecto de optimización das condicións de mobilidade no municipio.

O Concello de Ponteceso aprobou un plan de mellora para aqueles camiños de diferentes parroquias do municipio que o necesitan coa intención de optimizar as condicións de vida dos habitantes da localidade. A inversión realizada para o total desta iniciativa alcanza un total de dous millóns de euros, para o cal se solicitou unha subvención á Xunta de Galicia. Así, o Concello xustificou o plan de 2019, financiado parcialmente por Agader e que incluíu o asfaltado de Lestimoño a Cerezo e da Agra de Anllóns cara ao Castro, e aprobou este plan para 2020.

Nesta ocasión, as obras a realizar concretaranse en tres puntos do concello. En primeiro lugar, procederase a unha mellora do camiño de Carballido cara a Cerezo de Abaixo. Isto implicará a limpeza de gabias a ambas marxes, nun total de 825 metros, e a colocación dun sinal de Stop.
Tamén se realizará unha reposición do paquete de firme nos primeiros 775 metros mediante a incorporación de vinte centímetros de saburra artificial, e con 15 centímetros de pedra 32/63 mm e tripla rega asfáltica no inicio do camiño. Ademais, realizarase un reforzo dese paquete de firme co estendido de 30 centímetros de pedraplén en tres treitos de 20 metros de lonxitude.

O segundo camiño que forma parte deste plan de mellora, situado en Ourada próximo a instalacións gandeiras e agrícolas, actualmente atópase asfaltado e conta cun firme insuficiente para o tráfico de vehículos de gran tonelaxe, polo que é necesario un incremento na súa capacidade portante.

O proceso a seguir incluirá a limpeza de gabias a ambas marxes e a mellora da capa de rodaxe, para o que se aplicarán seis centímetros de aglomerado en quente, cunha reparación previa dos foxos e un perfilado de mordentes ao 5% da superficie con pedra 32/65 mm e tratamento asfáltico semiprofundo.

Nos últimos 30 metros do camiño, previa apertura de caixa, estenderanse 15 centímetros de pedra 32/63 mm e tratamento asfáltico semiprofundo. Finalmente, pintaranse as liñas de borde e símbolos, e colocarase un sinal de Stop.

Por último, procederase a mellorar a capacidade portante do camiño de Vilasuso a Tallo, posto que o firme e o ancho da calzada non son suficientes para o tráfico de vehículos de gran tonelaxe que por el circulan.

Para isto, limparanse as gabias a ambas marxes e ampliarase, nun treito de 260 metros de lonxitude, con 60 centímetros por cada marxe ata acadar un ancho de 5,20 metros, mediante o estendido de 20 centímetros de saburra artificial, 15 centímetros de pedra 32/63 mm e tratamento asfáltico semiprofundo.

Para a mellora da capa de rodaxe, aplicaranse 5 centímetros de aglomerado en quente a todo o novo ancho da plataforma nunha lonxitude de 290 metros, previa repación de foxos e perfilado de mordentes ao 5% da superficie con pedra 32/63 mm e tratamento asfáltico semiprofundo. Finalmente, pintaranse as liñas de borde e símbolos e colocarase un sinal de Stop.

Concello de Ponteceso