O luns 11, coincidindo co inicio da Fase 1 do Plan de transición cara unha nova normalidade, a Biblioteca Municipal de Ponteceso volverá a abrir as súas portas, aínda que cun
horario reducido e con todas as
medidas preventivas precisas para evitar o contaxio por coronavirus.
A concelleira delegada da área de Biblioteca, Maite Chouciño, explicou que por parte do Concello de Ponteceso adoptaranse todas as precaucións necesarias, como a
desinfección do edificio, a colocación de dispensadores de
xel hidroalcohólico e a
separación dos postos de lectura para respectar os dous metros entre un e outro. Polo que respecta ás persoas usuarias do servizo, para a súa utilización establécese a
obriga de acudir con mascarilla e guantes.
A Biblioteca Municipal de Ponteceso, que funcionará polo momento en horario reducido
de 09:00 a 14:00 horas, será un dos primeiros servizos que se poña en marcha no noso concello de cara a unha progresiva volta á normalidade dos diferentes servizos municipais.