Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

A vía pública de Corme que o Concello de Ponteceso pretende recuperar para uso comunitario aparece como tal no PXOM aprobado polo PP no ano 2015 e no Catastro

O expediente de reposición da legalidade inclúe a demolición, unicamente, do muro e do portal que pechan o acceso ao camiño público

Ante as informacións aparecidas nos últimos días en diversos medios de comunicación con respecto á execución subsidiaria das obras de restitución dun camiño público usurpado por un veciño de Corme, dende o Concello de Ponteceso vémonos na obriga de expoñer a realidade dos feitos, tal como figuran no expediente municipal, para información da veciñanza.

O citado camiño público aparece trazado como tal (achegamos imaxes) tanto no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), aprobado no ano 2015 polo Partido Popular, coma no Catastro. Non existe constancia de que a persoa que reclama a propiedade da vía presentase alegacións ao PXOM durante o período de exposición pública nin que solicitase a actualización catastral dos datos relativos á súa propiedade, de maneira que estaría reclamando a titularidade dunha superficie pola que non tributa, como sería a súa obriga no caso de ter a propiedade, e na que, ademais, realizou unha serie de obras sen a preceptiva licenza municipal.

Todos os informes técnicos realizados dende o inicio do expediente, tanto polos tres arquitectos municipais que traballaron para o Concello de Ponteceso ao longo destes anos coma do asesor xurídico, coinciden na titularidade pública do camiño.

Existe, ademais, un informe da concesionaria do ciclo integral da auga no que consta que pola vía en cuestión discorren os servizos públicos de abastecemento de auga, saneamento e depuración, instalados con anterioridade ao ano 2015.

O Concello de Ponteceso actuou, tal como establece a lei, a raíz da denuncia presentada polo titular dunha parcela colindante, que conta cunha licenza de rehabilitación dunha vivenda concedida conforme á legalidade e con todos os informes favorables, por non poder acceder á súa propiedade debido á existencia dun portal que cortaba o acceso ao camiño público.

Sempre baseándose nos informes técnicos e no planeamento vixente dende o ano 2015 o Concello de Ponteceso ordenou a restitución da legalidade e a retirada dos elementos que impedían o uso do camiño público. Ante o caso omiso da persoa usurpadora dese ben público, e tal e como establece a lei, o Concello de Ponteceso viuse obrigado a iniciar o expediente de recuperación da vía para uso público. A proposta foi debatida no pleno da corporación e aprobada por maioría absoluta.

Ao longo do último ano, e coa finalidade de utilizar os medios menos gravosos para a veciñanza, o Concello de Ponteceso impuxo á persoa usurpadora do camiño público dúas multas coercitivas. Neste momento, as sancións xa superarían o valor da obra que é preciso realizar, polo que se optou pola execución subsidiaria e así lle foi notificada aos interesados este mesmo mes.

A raíz da presentación dun recurso contencioso-administrativo por parte da persoa usurpadora do camiño público, e por prudencia, o Concello de Ponteceso optou pola suspensión provisional da execución subsidiaria das obras de reposición da legalidade á espera do que dispoñan os tribunais, aínda que, dado que non causaría un dano irreparable, podería optar pola execución.

As obras de reposición da legalidade, que en ningún caso afectarían á vivenda, serían as seguintes :
? Eliminación do portal de madeira de dúas follas que pecha o acceso á vía, colocado sen autorización de ningún tipo.
? Demolición do muro de pedra que pecha o acceso ao camiño, realizado, ademais, sen licenza.
? Desprazamento da caixa de protección e medida eléctrica, así como dos bens mobles e materiais almacenados no camiño público.

Todos os informes técnicos e xurídicos conclúen que non existe título habilitante que sustente nin a ocupación da rúa nin as obras realizadas polo usurpador do camiño, que, por outra banda, non figura no Inventario Municipal de Bens por tratarse dun documento en fase de elaboración e no que non consta, polo momento, ningunha rúa de certa antigüidade, como é o caso.

Concello de Ponteceso