Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Ponteceso intentará bater este sábado o récord mundial de buxainas en movemento durante o VIII Festipopeóns, organizado polo Melga, a Fundación Ricardo Pérez y Verdes e o Concello

Exposicións, obradoiros, concursos, faladoiros e a lectura do Manifesto do Día do Peón, a cargo da escritora e editora Cecilia Monllor, completan o programa de actos do festival

Xa di o refrán que ?polo San Martiño, buxainziño baila o peón no camiño? e este ano, aínda que cuns días de retraso, todos os e as amantes dos peóns, trompos, perinolas e perindolas volverán a darse cita no Centro Cultural de Ponteceso para poñer a proba as súas habilidades coa buxaina e participar nas actividades que nos deixará este sábado o VIII Festipopeóns organizado polo Museo Etnolúdico de Galicia xunto á Fundación Ricardo Pérez y Verdes e o Concello de Ponteceso.

O Festival Ponteceso Peóns contará, nesta ocasión, cun amplo programa de actos entre os que non faltarán concursos, exposicións, charlas e, por suposto, a tradicional lectura do Manifesto do Día do Peón, que este ano recaerá na escritora e editora Cecilia Monllor.

A primeira proposta da mañá dará comezo ás 11.00 horas coa inauguración da exposicións ?Novos gravados sobre o mundo das peonzas, trompos, perinolas e perindolas? e ?As buxainas en América?, das coleccionistas Charo Español e Ángeles Lence. Ao mesmo tempo, arrincarán os concursos de resistencia, habilidade e precisión con buxainas tradicionais e, a bo seguro, algúns dos trucos máis novidosos e orixinais. Ademais, haberá obradoiros de recortables, quebracabezas ou ?tuneados?, para entreter e divertir a nenos/as e maiores.

Manifesto 2019: Cecilia Monllor
No festival tamén haberá tempo para a historia e a sabedoría popular a través da tradición oral. Na sala de conferencias, Ricardo Pérez y Verdes reunirá de novo a un grupo de maiores do noso concello para poñer en marcha os II Recordos Lúdicos, unha actividade coa queremos continuar dando voz aos nosos pais/nais e avós/as para poñer en valor o xoguete tradicional, rememorando as súas propias vivencias cos xogos populares da súa infancia.

Arredor das 13:00 horas, a escritora, xornalista e editora, Cecilia Monllor será a encargada de protagonizar o acto central do Día do Peón coa lectura do Manifesto 2019, que terá lugar tras a lectura colectiva (12:45 h) na que poderá participar o público asistente lendo calquera tipo de texto (poesía, adiviñas, contos, artigos ...) que xire arredor da peonza a través da literatura.

A continuación, todos os participantes que o desexen bailarán as súas buxainas ao mesmo tempo co fin de bater o récord mundial, rexistrado en China o 10 de outubro de 2010, con 377 peóns movéndose simultaneamente durante 10 segundos. Atréveste? A cita será ás 13:15 horas.

Ao remate, entregaranse os premios aos gañadores/as dos concursos celebrados ao longo da xornada e uns agasallos, a modo de recordo, para todos os/as participantes.

As actividades serán de balde a abertas á participación de toda a veciñanza. Máis información e inscricións nos teléfonos 981 715 442 ou enviando un mail a: ricardoperezyverdes@gmail.com.

En caso de choiva, as actividades ao aire libre trasladaranse ao interior do Centro Cultural para desfrutar dunha xornada de xogo e diversión en familia. Apúntate xa!

Concello de Ponteceso