A entrega dos premios está prevista para o día 22 en Santiago
Ponteceso é un dos 16 concellos candidatos, o único da contorna, aos galardóns do
Programa Vilas en Flor Galicia 2019, que serán entregados o venres 22 nun acto que se celebrará en Santiago de Compostela.
Vilas en flor é un movemento que comezou no ano 2018 a iniciativa da Fundación Juana de Veiga, a Asociación de viveristas de Galicia (ASVINOR) e a Asociación galega de empresas de xardinaría (AGAEXAR), que aglutinan a máis de 100 empresas galegas. Trátase dun proxecto de carácter internacional (Francia-Villes et Villages Fleuris , Italia-Comuni Fioriti , Reino Unido-Britain in Bloom, Irlanda-Tidy Towns ou Canad-Communities in Bloom), apoiado pola Xunta de Galicia da man do Instituto de Estudos do Territorio e que pretende pór en valor aos municipios galegos distinguindo a calidade dos espazos verdes. É unha iniciativa existente noutros países e comunidades (Cataluña, Aragón, Canarias e Valencia) cunha gran repercusión mediática (http://www.villasenflor.com).
Ao cinco concellos participantes da primeira edición -Allariz, Chantada, Caldas de Reis, Betanzos e Ortigueira- súmanse este ano outros once: Culleredo, Mondoñedo, Portomarín, Tomiño, Ponteceso, Salvaterra, A Guarda, Cuntis, O Carballiño, Gondomar e Baiona.
O xurado realizou visitas técnicas a cada un destes concellos, co fin de analizar os criterios que puntúan neste certame, e o venres día 22 entregaranse as flores de honra correspondentes nun acto que se celebrará na Cidade da Cultura (Sala Eisenman), en Santiago de Compostela.
As Flores de Honra son o distintivo que se concede anualmente aos municipios participantes, segundo o criterio dun xurado especializado formado por expertos de recoñecido prestixio no ámbito da paisaxe. Hai cinco niveles: de 1 a 5 Flores de Honra.
Programa:
10:00-10:30 h Recepción.
10:45-11:15 h A infraestrutura verde como ferramenta de deseño urbano.
Pedro Calaza. Doutor Enxeñeiro agrónomo e Doutor Arquitecto da paisaxe.
Planificación e enxeñaría do territorio (PIT).
11:20-11:50 h Biodiversidade funcional urbana: Estratexias para a conservación da fauna auxiliar.
Lorena Escuer. Bióloga. Directora técnica de Hidrobiology.
12:00:12:30 h Descanso
12:30-13:00 h Criterios de selección de especies e cultivares ornamentais producidos en Galicia.
María Isabel Igrexas Díaz. Doutora en CC. Biolóxicas. Profesora titular da EPS.
Universidade de Santiago de Compostela.
13:10- 14:00 h. Acto de entrega de galardóns.
Entrada libre: Prégase confirmación de asistencia en info@juandevega.org ou no teléfono 981.65.46.37