Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O Museo de Arte Contemporánea de Corme acollerá a presentación dun libro sobre o fotógrafo laxense José Vidal

-Xan Fernández Carrera, autor da obra, estará acompañado polo historiador Luis Giadás e por Plácido Vidal, neto do protagonista

-O acto, organizado pola Área de Biblioteca, será o sábado 29 ás 19.30 horas

O Museo de Arte Contemporánea de Corme acollerá o sábado 29 a presentación do libro ?José Vidal, unha vida dedicada á fotografía?, do escritor e divulgador Xan Fernández Carrera. Durante o acto, organizado pola Área de Biblioteca de Ponteceso, o autor da obra estará acompañado polo historiador e profesor do IES Eduardo Pondal, Luis Giadás, que exercerá de presentador, e o neto do fotógrafo laxense, Plácido Vidal.

A partir das 19:30 horas, Xan F. Carrera ofrecerá aos asistentes un minucioso repaso pola vida e obra do fotógrafo José Vidal García (1900-1988) para dar a coñecer os máis de 50 anos de traxectoria profesional do ?fotógrafo da xente?, como el mesmo o define ante a gran cantidade de fotografías nas que aparecen inmortalizadas centos de persoas da nosa contorna en romarías, celebracións familiares, feiras, etc. De feito, na obra recompílanse máis de 500 instantáneas seleccionadas polo autor entre as máis de 65.000 imaxes que compoñen o Arquivo Fotográfico Vidal, recuperado polo Concello de Laxe. Así mesmo, no libro recóllense diferentes aspectos da vida do fotógrafo laxense, da década de 1920 a 1970 e desde a súa vila natal ata o pobo mariñeiro de Corme, onde Vidal dirixiu a oficina de correos.

Con esta iniciativa, aberta ao público e totalmente de balde, o departamento que dirixe Carlos Penedo pretende sumarse aos actos conmemorativos do Ano Vidal, con motivo do trinta aniversario do seu pasamento, e contribuír así á posta en valor da figura dun dos fotógrafos máis importantes da Costa da Morte e de Galicia de mediados do século pasado.

Concello de Ponteceso