Na competición, que se celebrará de 10 a 14 horas no pavillón municipal, participarán 24 equipos da provincia da Coruña e máis de 200 nenos e nenas de 4 a 7 anos de idade
Este sábado 22 o Concello de Ponteceso converterase na sede do debut da Liga de Babybasquet, promovida pola Federación Galega de Baloncesto. A partir das 10:00 horas, o pavillón municipal da nosa localidade acollerá unha xornada deportiva de excepción, organizada pola Concellería de Deportes, que preside Marco Varela, e a Escola Basket Xiria de Carballo, na que participarán 24 equipos da provincia da Coruña e máis de 200 nenos e nenas con idades comprendidas entre os 4 e os 7 anos.
Ao longo da mañá, o polideportivo dividirase en tres campos de xogo para albergar de forma simultánea os diferentes encontros, que se disputarán cada media hora. Os partidos xogaranse sen facer rexistro das anotacións e baixo o control dun árbitro. Xunto aos equipos procedentes da Coruña, Sada ou Montrove, saltarán á cancha os/as baloncestistas máis novos/as das Escolas Basket Xiria, entre os que se atopa o equipo das escolas deportivas municipais, o Ponteceso Babybasquet.
Desde a Área de Deportes que preside Marco Varela convidamos a todos os cativos/as do noso municipio a desfrutar xunto ás súas familias a desfrutar dunha competición que promete moito xogo e emoción pero tamén unha xornada de convivencia na que a diversión estará garantida. E ademais de ver os partidos desde a grada, todos os rapaces e rapazas nacidos/as entre o 2009 e o 2012 tamén poderán saltar á pista durante os adestramentos da escola municipal para probar sorte nun deporte pensado para promover o xogo de base e fomentar valores tan importantes como o traballo en equipo, o compañeirismo ou o esforzo individual.
Descargas asociadas