Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O alcalde e o concelleiro de Educación visitaron o novo parque infantil do CEIP Eduardo Pondal, no que o Concello vén de investir 10.000 euros

-Ademais de ampliar o recinto, agora hai un castelo de xogos con tobogán, vallas restauradas e un solo acolchado seguro e que cumpre as normativas de caída

-Os responsables municipais estiveron acompañados polo director e o xefe de estudios do centro pontecesán

O alcalde, Lois García Carballido, e o concelleiro de Educación, Carlos Penedo Casmartiño, visitaron o novo parque infantil do colexio Eduardo Pondal de Ponteceso, onde o Concello vén de investir 10.000 euros.

As obras consistiron primeiro na ampliación en 18 metros cadrados do parque para chegar á beirarrúa superior por onde accede o alumnado ao colexio. Como había un noiro sen uso, houbo que escavar e formar un muro de contención de terras. No chan ampliouse a soleira de formigón e púxose caucho enriba, coma no resto do parque. Reparouse o valado existente, que estaba en mal estado, engadindo 4 metros a maiores, e un panel informativo.

O parque non cumpría a normativa de caídas, pola ausencia de acolchado, polo que foi levantado todo o caucho e colocouse unha espuma que garante a superficie branda en caso de caída, e despois púxose o caucho por riba en toda a extensión.

Novos xogos
Como se pode ver na foto do "antes", o parque era totalmente insuficiente para o alumnado de infantil do Eduardo Pondal, polo que se instalou un gran castelo de xogos con tobogán, escaleira, rampla de trepar e barra vertical de deslizamento, que fai as delicias dos pequenos e pequeñas do centro.

O tobogán que xa existía, foi restaurado antes de repoñelo, e cambiouse un muelle sinxelo para un alumno por un balancín onde poden montar dous nenos/as.

Concello de Ponteceso