A avogada Estrella Couto Villarino e a escritora Mercedes Pazos Allo protagonizarán a xornada que se celebrará a partir das 18 horas no Edificio das Escolas
Con motivo da conmemoración do
Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller, que se celebrará o vindeiro 25 de novembro, o Concello de Ponteceso vén de elaborar, a través da Concellería de Servizos Sociais, unha serie de actividades abertas á participación de da cidadanía, co obxectivo de concienciar e implicar a todos os veciños e veciñas do noso municipio na loita contra a violencia machista, que xa se cobrou no que vai de ano a vida de 51 mulleres, cinco delas menores de idade. A xornada de sensibilización desenvolverase
a partir das 18 no Edificio das Escolas.
A primeira proposta da tarde consistirá na celebración dunha
charla sobre recursos para as mulleres vítimas da violencia machista, a cargo da avogada
Estrella Couto Villarino.
A continuación, arredor das 18:30 horas, terá lugar a presentación de
El golpe de los cobardes, a primeira novela da escritora de orixe laxense
Mercedes Pazos Allo, publicada o pasado mes de setembro, na que narra historias reais, propias e alleas, de mulleres que nalgún momento das súas vidas sofren a lacra da violencia machista.
Ao remate, realizarase un coloquio para que os/as asistentes poidan intercambiar impresións e conversar coas protagonistas da xornada mentres comparten unha merenda informal a base de café e biscoito.
A titular do departamento Isabel Vuelta González anima a toda a veciñanza a sumarse, coa súa participación, aos actos programados para a xornada de loita contra a violencia de xénero.