Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O Ciclo de Teatro de Ponteceso cumpre 25 anos co obxectivo de impulsar a creación dunha compañía local

Representantes das compañías que actuarán todos os sábados de novembro no Edificio das Escolas acompañaron á técnica de Cultura e ao alcalde na presentación do cartel


Parece que foi onte, pero o Ciclo de Teatro de Ponteceso cumpre xa 25 anos. Para conmemorar esta efeméride, dende a área de Cultura non só elaboramos un programa moi especial, senón que ademais temos preparadas unha serie de novidades que demos a coñecer hoxe, no acto de presentación do festival.

Xunto á técnica de Cultura, Mely Amado, e ao alcalde, Lois García Carballido, estiveron representantes das compañías que actuarán todos os sábados de novembro no Edificio das Escolas: Artur Trillo por Talía Teatro, que abre o Ciclo de Teatro este sábado 3 de novembro con O servidor de dous amos; Cándido Pazó e Alba Bermúdez por Contraproducións, que fai doblete con Fillos do sol e Commedia, e Gustavo del Río, por Os Náufragos Teatro, que debuta en Ponteceso con Castrapo.

Para conmemorar este aniversario, o departamento de Cultura reuniu os carteis anunciadores do Ciclo de Teatro destes 25 anos. Hoxe estiveron expostos no salón de plenos, no que se levou a cabo a presentación, pero o obxectivo é preparar unha exposición.

O cartel
Precisamente unha das obras que se representou hai 25 anos foi Commedia, que foi estreada daquela e que volve tanto tempo despois ?case cos mesmos actores?, como apuntou o seu director, Cándido Pazó.

Pero Cándido Pazó referiuse sobre todo a Fillos do Sol. ?Non podía ser que non se fixera en Ponteceso?, sinalou, xa que foi un encargo do FIOT e da Fundación Eduardo Pondal para conmemorar o centenario da morte do bardo.

Unha das protagonistas de Fillos do Sol é Rosa, ?unha moza bergantiñá representada por unha actriz bergantiñá?, dixo Cándido Pazó en alusión a Alba Bermúdez, que tamén asistiu ao acto de hoxe e que se amosou ?ansiosa? por actuar en Ponteceso, por todas as alusións que hai na obra ao concello e tamén porque ?esta é a terra de Pondal e do meu pai?, engadiu.

Como todos os asistentes ao acto, Gustavo del Río agradeceu a iniciativa e o convite do Concello de Ponteceso e aludiu á importancia de sumar esforzos para ?darlle máis vida ao teatro en Galicia?. Castrapo é unha comedia ?que toca a fibra sensible do espectador, e que ten que ver co retorno, de onde somos e cara onde imos?, explicou.

Mentres que a compañía de Gustavo del Río é debutante en Ponteceso, a de Artur Trillo é das fixas. ?Esta é unha cita obrigada para nós, e é de agradecer que nunha localidade coma Ponteceso haxa xente que se preocupe de cousas coma esta e de que as cousas se fagan ben?, sinalou. E precisamente por ese interese pola promoción do teatro desexou que no futuro poida haber un espazo axeitado para as representacións.

Proxectos
A construción dun auditorio é un dos proxectos en mente, como tamén o é, e agardamos que sexa factible a moito máis curto prazo, a creación dunha compañía de teatro de adultos. A proposta foi ben acollida. Artur Trillo, por exemplo, destacou que ?o feito de pelexar por un grupo de teatro vai dar os seus froitos e tirar aínda máis polo público en vindeiros anos?.

A ese respecto, o alcalde expresou o seu desexo de que ese proxecto se converta en realidade máis cedo ca tarde. ?Xa levamos anos cos rapaces e a verdade é que é un éxito. Veñen encantados. Agora temos que ir a máis, e que este 25º aniversario sexa un revulsivo para o futuro?, manifestou García Carballido.

O alcalde explicou que sen o gran apoio da Deputación da Coruña coa súa rede cultural este festival sería imposible. ?Ponteceso -dixo- é o Concello da provincia que porcentualmente máis cartos inviste na rede, grazas tamén ao aumento dos fondos provinciais e a que pasaron do 40 ao 50% de subvención provincial", explicou Lois García Carballido.

Mely Amado debullou os detalles deste 25º Ciclo de Teatro polo miúdo. Estes son os máis destacados:
. As funcións celebraranse todos os sábados ás 22.30 horas no salón de actos do Edificio das Escolas.
. Este ano, coma novidade, haberá encontros entre actores e público todos os sábados pola tarde, antes das funcións. Serán xuntanzas abertas para que os espectadores poidan intercambiar impresións coas compañías e coñecer o mundo da escena un pouco máis de preto.
. A venda de entradas realízase xa na oficina de Tesourería, na Casa do Concello. As persoas que adquiran aquí as súas entradas terán vantaxes á hora de acceder aos espectáculos. O prezo é de 3,06?.
. Cada semana sortearanse 5 entradas: 2 entre as persoas que acudan aos encontros cos actores e 3 a través do Facebook, contestando a unhas preguntas moi sinxelas que se formularán os mércores. Consultar as bases ao final desta nova e permanecede atentos!


Descargas asociadas


Concello de Ponteceso