A competición disputarase a partir das 09.00 horas no campo de fútbol de herba natural da Campara
![](../upload/not/1638-f-torneo campara.jpg)
Este sábado tes unha nova cita co fútbol de base, nesta ocasión no campo de herba natural da Campara, que será o escenario do III Torneo de Fútbol 8 A'Xolda.
A Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva A'Xolda e o Concello de Ponteceso, a través da Concellería de Deporte, están traballando cóbado con cóbado na organización do torneo, que reunirá a nenos e nenas de sete equipos: Corme CF, As Baleas FS, SD Ponteceso, UD Cerqueda, SCD Buño, Razo e A Xolda. Unha vez máis, o departamento que dirixe Marco Varela aposta pola promoción do deporte de base e pola organización dunha xornada que contribúe non só ao fomento dos valores deportivos, senón tamén á convivencia e ao aproveitamento do tempo de ocio dos pequenos.
O torneo comezará ás 09.00 horas e haberá partidos durante todo o día nas categorías benxamín, alevín, infantil e biberóns. Pero non todo será fútbol, porque tamén teremos inchables para os nenos e nenas, servizo de cantina, e churrascada para xantar á que están convidados todos os participantes. Ao remate da xornada haberá agasallos para os nenos e trofeos para os equipos.