Un grupo de participantes no IV Ciclo da Universidade de Santiago realizaron a fin de semana pasada un percorrido acompañados/as polo técnico municipal de turismo
Esta semana preto de 150 estudantes do CPR Santa Margarita de A Coruña participarán nas visitas guiadas que organiza a Concellería de Turismo para grupos, entidades e /ou centros escolares que desexen coñecer o noso municipio de forma amena, didáctica e, ao mesmo tempo, saudable.
Mañá xoves recibiremos aos primeiros/as excursionistas. Unha expedición formada por 90 nenos e nenas acompañados/as de 7 profesores/as, realizará a ruta literaria pondaliana ?Val Nativo? para descubrir algúns dos lugares que inspiraron a obra do bardo Pondal. Trátase dun percorrido a pé desde Ponteceso ata a praia de Balarés polo roteiro homologado PR-G 148. A continuación, farán un alto no camiño para xantar na contorna do areal e, arredor das 15h, rematarán a súa estancia no noso concello cunha visita ao Monte Branco. Ao día seguinte, será a quenda dos maiores. 48 alumnos e alumnas de bacharelato do centro coruñés repetirán experiencia e, seguindo os pasos dos seus compañeiros, sorprenderanse coas anécdotas e curiosidades que agocha o camiño.
Os/as que xa estiveron visitando o noso municipio foron os/as participantes do IV Ciclo da Universidade de Santiago de Compostela, que o pasado sábado realizaron unha visita guiada a algúns dos lugares más emblemáticos da localidade. Acompañados/as polo técnico de turismo municipal, Javier Couto, pola mañá achegáronse ata o MELGA, onde puideron revivir xogos e xoguetes da súa infancia xunto ao seu director, Ricardo Pérez y Verdes. Tras un paseo polo malecón do Couto e o esteiro do río Anllóns, os 25 sendeiristas xantaron nun restaurante local e, xa pola tarde, completaron a súa estancia cunha excursión ao Monte Branco, o Cabo Roncudo e Balarés.
Desde a Concellería de Turismo lembramos que para participar nesta iniciativa só é preciso descargar o formulario de solicitude para grupos, entidades ou centros escolares que se atopa na web municipal (www.ponteceso.gal), cubrilo e mándalo por correo electrónico a turismoponteceso@ponteceso.net. Nun prazo de tres días recibirán resposta. A actividade é de balde e o único requisito esixido é superar os 15 participantes.