Case 30 nenos e nenas participan nos obradoiros que celebramos todos os mércores en Corme e Ponteceso
Lonxe de ser unha moda mediática, a afección polos obradoiros de cociña infantís e o gusto polos fogóns entre os nenos e nenas de Ponteceso semella que veu para quedarse. Preto de 30 cativos/as, procedentes de diversas parroquias do municipio, integran na actualidade a Escola Municipal de Cociña. Esta iniciativa da área de Cultura, que xestiona directamente o alcalde, Lois García Carballido, xurdiu hai tres anos para atender unha demanda crecente e está a consolidarse como unha das máis atractivas e saborosas da oferta de ocio infantil municipal.
Na actualidade, 26 alumnos e alumnas integran a escola de cociña, que cada mércores pola tarde abre as súas portas á imaxinación e á creatividade dos máis pequenos/as. Ademais de elaborar receitas típicas da nosa gastronomía e descubrir a inmensa variedade de produtos locais, os/as participantes tamén se atreven con pratos internacionais e menús máis arriscados e innovadores, merecedores de máis dunha Estrela Michelin.
Os obradoiros, impartidos pola cociñeira Sandra Varela Amado, teñen unha duración de hora e media e divídense en dous grupos. Nada máis rematar a xornada lectiva, dá comezo a primeira sesión, na que participan 18 nenos/as, na cociña do CEIP Eduardo Pondal de Ponteceso, grazas á colaboración do centro educativo. A continuación, celébrase outra en Corme, nun local cedido por un veciño, á que asisten 8 rapaces e rapazas. A finais de curso, entre os meses de maio e xuño, organízase un concurso de cociña denominado Pontechef no que o alumnado bota toda a carne no asador, poñendo a proba a súa capacidade creativa e a súa destreza entre fogóns para elaborar suculentas e divertidas propostas culinarias.
Máis alá do entretemento e a aprendizaxe culinaria, a Escola Municipal de Cociña tamén funciona como punto de encontro para os máis cativos/as. Desde a área de Cultura destacan entre os seus principais obxectivos o desenvolvemento de habilidades sociais e comunicativas, o fomento da autonomía persoal e a adquisición de hábitos saudables para combater a obesidade infantil e os trastornos alimenticios.