Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

?Ponteceso Actúa?, nova campaña municipal de prevención da violencia de xénero que arrinca coincidindo coas Festas da Barquiña

. O material da campaña está dispoñible tamén en braille e con pictogramas
. Busca o noso stand nas sesións vermú das festas de Ponteceso

Coincidindo coas Festas da Barquiña, a área de Cultura do Concello de Ponteceso pon en marcha a campaña ?Ponteceso Actúa?, unha iniciativa de prevención da violencia de xénero na que colaboran a Xunta de Galicia, Voluntariado Xuvenil, Vicepresidencia do Goberno, Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade e ONCE.

Durante as celebracións patronais, todos os días a partir de mañá, contaremos cun stand instalado durante as sesións vermú no que os nosos voluntarios e voluntarias xuvenís ofrecerán información ás persoas que se acheguen. Os/as visitantes poderán sumarse a Ponteceso Actúa escribindo nunha pizarra algunha frase alusiva á violencia de xénero e posar no photocall da campaña. As fotos publicaranse nas redes sociais do Concello de Ponteceso e tamén poderán utilizalas os seus protagonistas utilizando o haghstag #pontecesoactúa para contribuír a espallar a mensaxe.

A cambio da colaboración, o voluntariado entregaralles un carné de socio/a de Ponteceso Actúa, que leva na parte posterior información e teléfonos de contacto relacionados coa loita contra a violencia de xénero. O carné estará dispoñible tamén en braille e con pictogramas, porque queremos que a campaña sexa inclusiva. Neste sentido, ademais da colaboración da ONCE, queremos agradecer especialmente a de Anabel, unha veciña da parroquia de Tella que é invidente e que tamén se prestou a colaborar na iniciativa.

É importante que todo o mundo conserve o seu carné, porque ao remate da campaña, que se estenderá ata o mes de novembro con diversas iniciativas, realizaremos un sorteo entre todos os participantes.

Concello de Ponteceso