ponteceso turismo

Lugares de Interese :: Pedra da Serpe

Galería de fotos

Pedra da Serpe


Pedra da Serpe

A Pedra da Serpe é un monumento único de suma importancia.

De orixe descoñecida e datación incerta, espertou a curiosidade de moitos historiadores, e aínda hoxe segue sendo obxecto de estudo. Trátase dun penedo de granito co relevo dunha serpe, sobre o que se chantou unha cruz. Na base do cruceiro podemos apreciar a figura dunha serpe alada, algo excepcional no mundo occidental.

Conta a lenda que foi Santo Adrián, patrón desta parroquia, o que librou esta terra dunha praga de serpes, ao petar fortemente co pé no chan e facelas desaparecer todas, quedando encantadas baixo esta pedra.

O culto á serpe aparece xa en tempos prehistóricos, aínda que a realización deste relevo posiblemente sexa posterior: romana, medieval ou incluso máis tardía. Estes cultos pagáns tan arraigados que se manifestan noutros lugares da costa atlántica foron combatidos pola Igrexa Católica, que cristianizou moitos deles.

En Galicia as representacións das serpes remontanse á época megalítica, aparecendo algúns gravados en antas. Tamén se ve o motivo da serpe nalgúns petroglifos e nalgúns xacementos castrexos. O relevo figurativo, como o desta pedra, só aparece a partir da romanización.

O significado da simboloxía da serpe é moi variado e, en moitos casos descoñecido. Tense relacionado coa idea da fecundidade, como gardadora de tesouros, como símbolo de curación e eternidade e tamén como un elemento demoníaco.


© by Abertal