O visitante do Concello de Ponteceso probablemente asocie a imaxe do concello co mar, a Costa da Morte, e efectivamente esa imaxe é a máis frecuente e popular.
Mais esta terra ofrece unha riqueza de espazos naturais de grande importancia, menos coñecidos e transitados, de grande valor e biodiversidade.
A maior riqueza natural encóntrase no río Anllóns, clasificado pola Xunta de Galicia como espazo natural protexido. A Consellería do Medio Rural, no seu estudo deste espazo natural, indícanos que na desembocadura do río, hai unha representación de vexetación de marisma, rodeadas por ameneirais pantanosos, principalmente constituídos por carrizos (Phragmites australis) e secundariamente por xuncos (Juncus spp.). Dous hábitats principais ocupan a maior parte dos leitos e as súas beiras. O bosque-galería ripario é o medio máis característico, e presenta manchas de consideración nalgúns tramos (por exemplo, no curso baixo do Anllóns). Entre as súas formacións arbóreas encóntranse o ameneiro (Alnus glutinosa), o sanguiño (Frangula alnus), os freixos (Fraxinus excelsior e Fraxinus angustifolia), o carballo común (Quercus robur) e os salgueiros (Salix spp.). Restrinxidas ao leito, encóntranse as pradarías de hidrófitos, e aparecen diferentes especies de espigas de auga (Potamogeton berchtoldii, Potamogeton crispus, Potamogeton crispus, Potamogeron trichoides), a herba lameira (Callitriche stagnalis), o esparganio (Sparganium emersum) e o pé de boi (Oenanthe crocata).
Respecto á fauna, entre os invertebrados forestais están presentes a lesma (Geomalacus maculosus) e o coleóptero (Lucanus cervus). Na fauna piscícola destaca a lamprea (Petromyzon marinus), o reo (Salmo trutta trutta), a anguía (Anguilla anguilla) e a boga do Douro (Chondrostoma duriense). Especies de anfibios e réptiles localízanse nesta área, entre os que se contan endemismos como a píntega rabilonga (Chioglossa lusitanica), o tritón ibérico (Triturus boscai), a ra patilonga (Rana iberica) e o lagarto das silveiras (Lacerta schreiberi). As aves máis típicas do río son o picapeixe (Alcedo atthis), o merlo rieiro (Cinclus cinclus) e a lavandeira real (Motacilla cinerea). Nas marismas próximas á desembocadura nidifican aves acuáticas e ribeiregas como o rascón (Rallus aquaticus), o lavanco (Anas platyrhynchos) e a folosa das canaveiras (Acrocephalus scirpaceus). En canto aos mamíferos é moi destacable a presenza de elementos propios de ambientes fluviais como o desmán ibérico (Galemys pyrenaicus), a lontra (Lutra lutra), a musaraña de Cabrera (Neomys anomalus), a rata de auga (Arvicola sapidus), o tourón (Mustela putorius) e o armiño (Mustela erminea).
Son tamén de grande importancia as poboacións de aves mariñas que encontramos na costa do cabo Roncudo, como o corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis); toda esta costa é unha área de tránsito regular de miles de aves mariñas migradoras e hibernantes (pardelas, mascatos, álcidos, carráns).
De gran valor ornitolóxico é a enseada da Insúa, onde habitan a gabita (Haematopus ostralegus), varias especies de pilros e o mazarico rubio, que alcanzan importancia nacional ou rexional polas súas poboacións migrantes ou hibernantes. Durante a época de cría, os areais receben núcleos reprodutores de píllara das dunas (Charadrius alexandrinus). Entre a avifauna propia de marismas, destaca a presenza de garza pequena (Ixobrychus minutus).