Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Os Ratos de Lonxedetodo visitarán a Biblioteca Municipal de Ponteceso o último venres de cada mes ata fin de curso

Con esta iniciativa, dirixida a nenos/as de 3 a 8 anos, o departamento de Maite Chouciño pretende fomentar o hábito da lectura entre a cativada

Nos vindeiros meses a Biblioteca Municipal de Ponteceso encherase de historias incribles, contos fabulosos e uns visitantes moi queridos polo público miúdo: os ratos de Lonxedetodo. Estes peculiares e simpáticos personaxes serán os/as protagonistas do novo programa de animación á lectura que vai poñer en marcha de xaneiro a maio á Área de Biblioteca, que dirixe Maite Chouciño, para nenos/as de 3 a 8 anos de idade.

A compañía de teatro Trinke Trinke acudirá o último venres de cada mes á biblioteca para amosar ao máis pequenos da casa e ás súas familias algunhas das historias máis fermosas que se agochan tras os libros coa intención de promover o hábito da lectura entre a cativada e o fomento de valores tan importantes como o respecto, a solidariedade ou a tolerancia, entre outros, ademais de contribuír á dinamización deste espazo como punto de encontro social e cultural.

As sesións de contacontos arrincarán o 31 deste mes con ?Riciños de ouro?, unha divertidísima historia que nos achegará a ratiña Carolina, que nos contará o amables e respectuosos que son os habitantes de Lonxedetodo, aos que tamén lles gustan as festas, sobre todo cando hai música, baile e a posibilidade de atopar.... un globo máxico!

Programación
O 28 de febreiro será a quenda da ratiña Faifá e ?Queremos a paz!? mentres que o 27 de marzo os ratos de Lonxedetodo celebrarán o Día Internacional do Teatro coa representación de ?Os 7 chiviños e o lobo? e a lectura dun conto da escritora galega Gloria Sánchez, no que poderán participar pequenos/as e maiores. E o 24 de abril coñeceremos un pouco mellor a súa aldea a través do conto ?Animais do bosque?, no que nos relatarán a ?Gran carreira dos animais?, que celebran por todo o alto unha vez ao ano. A última en visitarnos será a queridísima Lilí Gruyére, que estará e Ponteceso o 29 de maio para contarnos as aventuras e desventuras de ?O coelliño branco", a quen adoptou como mascota e xunto ao que protagonizará un incrible espectáculo de maxia en directo.

A entrada aos espectáculos, que darán comezo ás 18.30 horas, será libre e de balde ata completar aforo.

Se non queredes perder a oportunidade de coñecer de preto aos ratos máis marabillosos e simpáticos de Lonxedetodo e coñecer as incribles historias que nos teñen que contar, vémonos o último venres de cada mes na Biblioteca Municipal de Ponteceso.

Concello de Ponteceso