Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

A área de Biblioteca organiza un novidoso obradoiro de lectura asistida con cans

A actividade, prevista para o xoves 14, vai dirixida a nenos e nenas de 6 a 8 anos de idade. As prazas son limitadas

A área de biblioteca do Concello de Ponteceso porá en marcha a vindeira semana unha nova actividade de promoción e fomento da lectura dirixida aos nenos e nenas do noso municipio. Pero ista non vai ser unha sesión máis porque o xoves 14 contaremos cun convidado moi, moi especial.

O departamento que dirixe Carlos Penedo está a organizar un obradoiro de lectura asistida con cans, en colaboración co Centro Veterinario A Ponte, que será impartido pola empresa Cadelar, especializada en intervencións asistidas con animais. Con esta novidosa e pioneira iniciativa preténdese proporcionar aos cativos/as un ambiente relaxado e tranquilo xunto a un compañeiro moi divertido e ?peludo? co que ademais de poñer en práctica as súas habilidades lectoras fomentarán a súa capacidade comunicativa e de interacción social.

A actividade, que será de balde, está dirixida a nenos e nenas de 6 a 8 anos de idade con ganas de vivir unha experiencia extraordinaria e inesquecible.

Para participar tan só é preciso cumprir uns requisitos básicos que pasan por non ter medo aos cans, non padecer alerxias aos animais e estar dentro da franxa de idade establecida. O obradoiro estará dirixido por expertos en intervencións con cans no ámbito infantil e xuvenil con máis dunha década de experiencia. As persoas que estean interesadas en participar deberán anotarse no Centro Veterinario A Ponte chamando ao teléfono 881 982 475. Para garantir a participación de todos os/as asistentes e asegurar un maior aproveitamento da clase, establécese un aforo máximo de 15 nenos/as.

A sesión, que dará comezo ás 18:30 horas, terá unha duración de 60 minutos. Tras saudar e familiarizarse co can, procederase á lectura de varios contos adaptados á idade dos participantes e realizaranse algunhas actividades prácticas co animal para que os máis pequenos/as aprendan as responsabilidades que conleva ter unha mascota. Ao remate, todos os nenos e nenas levarán un agasallo como recordo e poderán despedirse un a un do seu amigo ?peludo?.

Entre os múltiples beneficios desta iniciativa, o departamento de Carlos Penedo destaca o fomento da interacción e a comunicación entre os máis cativos grazas á presencia dun animal co que comparten experiencias e curiosidades. Deste xeito, a lectura convértese nun acto lúdico e divertido, motivando e estimulando a concentración e a imaxinación dos nenos e nenas, que aprenden de maneira natural e distendida sen presións nin dificultades.

Concello de Ponteceso