Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O Concello de Ponteceso acondiciona un novo espazo público arredor dun antigo lavadoiro en Brantuas de Abaixo

Todo o mundo sabía da existencia do lavadoiro de Brantuas de Abaixo, pero era imposible chegar ata el. A maleza invadía o acceso e o propio río de lavar, do que practicamente non quedaba máis que o manancial que o abastece de auga e unhas pedras. A situación dese elemento etnográfico mudou por completo coa intervención promovida polo Concello para recuperar o lavadoiro e acondicionar un novo espazo público na súa contorna. As obras aínda non remataron, pero, como puideron comprobar o alcalde, Lois García Carballido, e o concelleiro de Infraestruturas, José Manuel Pose Verdes, están moi avanzadas.

A actuación iniciada consistiu na eliminación de maleza e a limpeza de todo o espazo, a canalización da auga e a reconstrución do lavadoiro con pedra do país, que tamén se utilizou para pavimentar o chan, mantendo deste xeito a configuración tradicional deste tipo de elementos.

Con este tipo de actuacións, o goberno municipal de Ponteceso está a converter en realidade o seu compromiso coa recuperación dos elementos etnográficos máis significativos do noso concello e a súa posta en valor desde unha perspectiva sostible.

Concello de Ponteceso