Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Alumnado dos colexios de Ponteceso e Corme participará nas ?ginkanas? da Volta Ciclista á Provincia

A actividade, dirixida a nenos e nenas de 7 a 12 anos de idade, forma parte do programa de promoción do ciclismo impulsado pola Deputación da Coruña

Ponteceso acollerá este venres, 1 de xuño, o inicio da XVII Volta Ciclista á Provincia da Coruña, nunha primeira etapa que arrincará ás 14h e rematará arredor das 17:30h no lugar de A Trabe, en pleno centro urbano do municipio.

Pero os máis de 100 ciclistas das categorías Sub-23 e Elite, que representarán aos 18 clubs participantes, non serán os únicos protagonistas da xornada. Na meta, xunto a eles, nenos e nenas dos centros educativos do noso municipio están convidados/as a participar nas actividades paralelas que o comité organizador ten previsto desenvolver nas cabeceiras de etapa (Ponteceso, Curtis e Cariño), dentro do Plan de Promoción do Ciclismo 2018 coa intención de difundir esta práctica deportiva entre os máis cativos/as.

Ademais de ser a primeira cita da temporada para as futuras promesas do ciclismo, a Volta Ciclista á Provincia converterase nunha gran festa para o alumnado do noso municipio. Ao longo da xornada, todos os nenos e nenas con idades comprendidas entre os 7 e os 12 anos poderán participar nas ginkanas que se van celebrar nas inmediacións do punto de saída/chegada da etapa de maneira totalmente gratuíta. As probas estarán dirixidas e controladas por monitores de ciclismo nun circuíto habilitado a tal efecto. Os/as participantes dividiranse en dous grupos segundo a idade: un primeiro con rapaces de 7 a 10 anos e outro de 11 a 12.

Requisitos
Os únicos requisitos para participar nesta divertida iniciativa, promovida pola Deputación da Coruña, son cubrir a correspondente folla de inscrición, levar bici e casco, e ter moitas ganas de pasalo ben. Aínda que o prazo de anotacións permanecerá aberto para os máis atrasados/as ata media hora antes das probas, a maioría dos participantes xa foron inscritos/as con antelación durante as visitas que realizaron varios directores técnicos de ciclismo aos centros educativos da vila para informar sobre a realización da actividade e establecer o correspondente protocolo de actuación.

Así, un grupo de monitores serán os encargados/as de recoller e entregar aos alumnos/as nos seus respectivos colexios, con tempo suficiente para que poidan ver a saída e/ou a chegada da etapa. Durante o desenvolvemento das probas, os/as participantes contarán con asistencia sanitaria e seguro de accidentes. Ademais, recibirán unha bolsa de avituallamento, consistente nunha pequena merenda para repoñer folgos, unha camiseta e unha medalla conmemorativa do evento. Ao remate, entre todos os/as participantes sortearase unha bicicleta.

Dende a Concellería de Deportes, coordinada por Marco Varela, animamos a todos os nenos e nenas do noso Concello a subirse á bici e gozar dunha xornada de festa e moito ciclismo, con premio seguro.

Concello de Ponteceso