Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Apostamos por uns servizos sociais de calidade e destinaremos máis de 500.000 ? a axuda no fogar nos vindeiros dous anos

A Xunta de Goberno Local aprobará o luns a adxudicación do servizo

A Xunta de Goberno de Ponteceso aprobará na sesión do vindeiro luns (19.30 horas) a adxudicación do servizo de axuda no fogar á empresa Atendo Calidade SL por un período de dous anos e un prezo de 431.352,24 euros máis IVE. Desde o goberno municipal, e desde a área que dirixe Isabel Vuelta en particular, estase a realizar unha forte aposta pola prestación duns servizos sociais de calidade, e nesta liña enmárcase o proceso de contratación desenvolvido polo Concello de Ponteceso nos últimos meses, no que participaron 6 empresas. A oferta presentada pola adxudicataria supón un aforro dun 18,5% para as arcas municipais e a garantía dunha prestación continuada e de calidade para os vindeiros dous anos.

Nesa liña enmárcase tamén unha das propostas que se van presentar, tamén o luns, ao pleno da corporación. O goberno municipal de Ponteceso solicitará á Xunta de Galicia que por parte do Sergas se asuma a xestión do centro de saúde e PAC, xa que se trata dunha competencia impropia do Concello e ademais existe un protocolo de colaboración entre a Xunta e a Fegamp para que sexa a Administración Autonómica, que é a que ten as competencias en materia sanitaria, a xestión e o mantemento deste tipo de instalacións, liberando así os recursos municipais que se destinan a este servizo impropio.

Na sesión plenaria tamén se someterá a consideración dos grupos políticos o convenio de colaboración coa Deputación Provincial da Coruña para regular o proxecto do parque arqueolóxico do megalitismo da Costa da Morte. O alcalde, Lois García Carballido, e o concelleiro de Patrimonio, Carlos Penedo, acompañados polo secretario municipal, participaron nunha xuntanza previa na Deputación e consideran que este protocolo de colaboración entre ámbalas institucións permitirá seguir destinando recursos para a recuperación, o mantemento e a difusión do noso patrimonio.

Así mesmo, o goberno municipal presentará no pleno do luns dúas ordenanzas, unha de protección de camiños e outra de xestión de biomasa e distancias das plantacións, para a súa aprobación inicial. Tal como explica o alcalde, ?o Concello adapta as ordenanzas vixentes ás últimas modificacións introducidas pola Xunta de Galicia nos orzamentos e na instrución sobre prevención de incendios. Así, o Concello ordenará por unha banda o coidado dos camiños municipais, moi danados por determinadas empresas madeireiras que operan de forma descontrolada sen pedir licencia municipal nin depositar fianza polos danos que poidan ocasionar, e, por outra, as plantacións e o deber dos propietarios de manter controlada a biomasa e cumprir as leis de plantación?.

Todos estes asuntos foron abordados na comisión informativa celebrada o mércores. En cumprimento do compromiso do goberno municipal coa transparencia total na xestión municipal, facilitóuselle ao PP unha copia completa dos expedientes de todas as propostas que se debaterán no pleno.

Concello de Ponteceso