Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O Concello de Ponteceso fai un chamamento á colaboración veciñal para evitar a proliferación de vertedoiros ilegais

O punto limpo está aberto de luns a sábado e o punto limpo móbil recolle voluminosos a domicilio o primeiro luns de cada mes de xeito gratuíto

No que vai de semana levamos eliminados tres vertedoiros incontrolados. O traballo coordinado das concellarías de Limpeza e Medio Ambiente permitiu localizar e retirar unha gran cantidade de residuos de tres puntos situados nas parroquias de Corme, Xornes e Pazos; pero, lamentablemente, este tipo de accións incívicas son habituais. Por iso, o concelleiro de Limpeza e Servizos, José Luis Pena Romay, fai un chamamento á colaboración veciñal tanto para informar sobre a presenza de vertedoiros como sobre posible autoría destas accións ilegais. Só así será posible, por exemplo, saber quen é a persoa que practicamente a diario arrebola unha bolsa de lixo desde o coche nunha finca situada na estrada de Riotorto a Bardaio.

Hai lugares que son utilizados como vertedoiros case por costume, como é o caso da aldea do Roncudo, da que se retiraron esta semana todo tipo de electrodomésticos e tamén bolsas de lixo que, curiosamente, estaba separado en orixe. Noutros casos trátase de accións puntuais, como semella que ocorreu en Xornes, onde foron atopados nun camiño forestal restos dunha reforma.

Desde as concellarías de Limpeza e Servizos e Medio Ambiente lembramos que no noso concello existe un punto limpo a disposición de toda a veciñanza. O servizo, situado no polígono industrial de Tella, está precisamente orientado á recollida de materiais voluminosos de uso particular, como electrodomésticos, colchóns, mobles ou restos de pequenas reformas domésticas. O punto limpo está aberto de luns a sábado en horario de 10.00 a 13.00, e de xoves a sábado tamén de 15.00 a 18.00 horas. Os veciños e veciñas tamén teñen ao seu servizo o punto limpo móbil, que se despraza todos os luns a domicilio para recoller os residuos. As persoas interesadas só teñen que chamar con anterioridade ao número de teléfono 981 718 253.

Desde o Concello de Ponteceso insistimos na necesidade de contar coa colaboración de todas e todos para facer do noso concello un lugar máis limpo e máis respectuoso co medio ambiente.

Concello de Ponteceso