Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Alumnado do instituto coñecerá os recursos arqueolóxicos do noso concello nunha visita guiada por arqueólogos

A actividade, programada para o martes 24, está organizada pola Concellaría de Patrimonio

O concelleiro de Patrimonio, Carlos Penedo Casmartiño, está decidido a difundir a gran riqueza patrimonial que atesouramos, pero non só fóra do noso concello, senón, e sobre todo, entre os veciños e veciñas de Ponteceso. Nesa liña, o seu departamento organizou para mañá martes unha visita guiada para o alumnado do IES Eduardo Pondal, que terá a sorte de contar con dous guías de excepción, os arqueólogos Ana Isabel Filgueiras Rei e Antón Bouzas Sierra.

O grupo sairá do centro educativo ás 09.00 horas para iniciar un percorrido que levará ao alumnado por lugares de tanto interese como o Faro de Brantuas, o Petón da Campaíña, A Feiteiteira e a Praia da Ermida. E ao longo dese traxecto atoparán recursos arqueolóxicos tan destacados coma os petróglifos do Petón da Campaíña, o cruceiro de Corme Aldea, os petróglifos da Fieiteira e os da Regadiña e, xa no remate desta experiencia didáctica, a Pedra da Serpe.

A visita guiada terá unha duración aproximada de catro horas e media, e, aínda que se realizará en autobús, inclúe pequenos traxectos a pé na Fieiteira e a Pedra da Serpe.

Concello de Ponteceso