Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

A Concellaría de Educación celebra o Día do Libro con espectáculos que fomentan a creatividade e a lectura

A compañía de teatro Os Quinquilláns actuará o luns 16 nos colexios de Ponteceso e Corme, e o músico Luis Vallecillo ofrecerá un concerto na biblioteca municipal o día 19


A promoción do libro e a lectura é unha das prioridades da Concellaría de Educación, Asociacionismo e Patrimonio, que dirixe o nacionalista Carlos Penedo Casmartiño. Con esa intención, arredor do Día do Libro organízanse desde o seu departamento unha serie de actividades que tratan de inculcar o amor pola literatura desde a infancia, ademais de fomentar a creatividade entre os máis pequenos e pequenas.

Ao longo da vindeira semana desenvolveranse dous espectáculos dirixidos ao alumnado de infantil e primaria. O luns 16, a compañía de teatro Os Quinquilláns visitará os CEIP Eduardo Pondal de Ponteceso e As Forcadas de Corme para achegar aos escolares a súa montaxe Por que é salgada a auga do mar?, unha divertida e moi didáctica obra concibida para entreter e facer reflexionar aos máis pequenos/as sobre a orixe do sal nos océanos.

A primeira representación da xornada terá lugar ás 09:45 horas no CEIP pontecesán mentres que a segunda celebrarase no colexio de Corme ás 12:00. Ademais de divertir e entreter, a obra está pensada para espertar a curiosidade do público infantil e fomentar a consulta e a lectura entre os/as estudantes na procura dunha explicación a unha das cuestións máis preguntadas polos nenos e nenas: a orixe da salinidade dos océanos. O argumento parte dun conto tradicional adaptado en cada función á xeografía e ao medio natural da localidade para fomentar, ao mesmo tempo, o coñecemento da contorna.

Do mesmo xeito, a biblioteca municipal de Ponteceso acollerá o xoves 19 unha sesión de canta-contos, protagonizada polo músico e compositor Luis Vallecillo, un divertido e novidoso espectáculo musical para nenos e nenas maiores de tres anos no que se mesturan música, aprendizaxe e literatura, nun ton desenfadado e simpático.

A partir das 19h, os máis cativos/as terán a oportunidade, xunto as súas familias, de gozar dos contos clásicos, cos que tantas xeracións soñaron na súa infancia, reconvertidos agora en divertidas cancións en lingua galega, cun aire de rock e blues para animar a cantar e bailar a todos os asistentes. Os tres porquiños, O parrulo feo, O gato con botas ou O galo Kiriko forman parte do sorprendente e orixinal repertorio de Cantamos un conto?, de 50 minutos de duración, que non deixará indiferente a ninguén. Ao finalizar, os nenos/as poderán buscar entre os estantes aos personaxes que protagonizan cada unha das historias que acaban de escoitar.

Xograr, autor e produtor de varios conta-contos con monicreques e co-fundador e membro da compañía de teatro A Xanela do Maxín, Vallecillo forma parte tamén da historia de Ponteceso porque vén de ceder os dereitos de uso da súa canción Xogos Populares ao Museo Etnolúdico de Galicia (Melga), un dos máis importantes e voluminosos do país con máis de 4.000 xoguetes e xogos no seu interior.

Concello de Ponteceso