Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O Concello de Ponteceso adquire unha parcela na Graña para ampliar servizos veciñais e reforzar o apoio ao rural

O Concello de Ponteceso vén de formalizar a compra dunha parcela situada na parroquia da Graña, nas inmediacións da igrexa, co obxectivo de habilitala como espazo de aparcamento e tamén para acoller festas e outros usos comunitarios que precise a veciñanza.

Esta actuación responde a unha demanda histórica da parroquia, que reclamaba unha solución para mellorar a accesibilidade e dispoñer dun espazo público axeitado para actividades sociais e culturais. Dende o Concello quérese destacar e agradecer á anterior propietaria da parcela as facilidades ofrecidas durante todo o proceso de adquisición.


O alcalde, José Manuel Mato, sinalou que “con esta compra damos resposta a unha necesidade real da parroquia da Graña, mellorando tanto a mobilidade na contorna da igrexa como a capacidade para organizar eventos veciñais”. Mato engadiu que “este é un exemplo máis do noso compromiso co rural, escoitando ás parroquias e investindo en actuacións que melloran a calidade de vida da veciñanza”.


Ademais, o rexedor avanzou que “a Graña continuará sendo obxecto de novas inversións municipais nos vindeiros meses, dentro da nosa aposta firme por reforzar os servizos e infraestruturas no rural”.

Concello de Ponteceso